Nova instalación fotovoltaica prevista no pavillón de Baltar para reducir gasto eléctrico

Sanxenxo
08 de xaneiro 2025

O goberno local estuda a instalación de 185 paneis solares na cuberta do pavillón deportivo. O proxecto ascende a máis de 113.600 euros e o 10% da enerxía destinarase a consumidores vulnerables

Actividade física para maiores no pavillón de Baltar
Actividade física para maiores no pavillón de Baltar / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo presenta un ambicioso proxecto para o pavillón municipal de Baltar.

A iniciativa, enmarcada no plan "Concellos reto demográfico +Renovables", contempla a instalación de 185 paneis solares de 540w cada un na cuberta do edificio deportivo.

O proxecto, valorado en 113.654 euros, destaca polo seu compoñente tecnolóxico e social. Incluirá un avanzado sistema de almacenamento de 50 Kwh mediante baterías de litio e un software de monitorización para controlar a produción en tempo real.

O financiamento, segundo indica o goberno local, estruturarase en tres partes, pendentes de aprobación: 64.940 euros achegados polo IDAE con fondos europeos, 24.975 euros da Deputación de Pontevedra e 23.739 euros do propio Concello.

Unha característica distintiva do programa é o seu compromiso social: o 10% da enerxía xerada destinarase a consumidores vulnerables da zona, contribuíndo así a reducir a fenda enerxética no municipio.

Esta nova instalación súmase ao plan de eficiencia enerxética que Sanxenxo vén desenvolvendo nos últimos anos.

O municipio xa conta con instalacións fotovoltaicas no Pazo de Emilia Pardo Bazán, que ademais inclúe puntos de recarga para vehículos eléctricos.

Tamén a pìscina municipal contempla un sistema de 60 paneis solares térmicos, que proporciona auga quente de maneira autónoma durante o verán e parte do resto do ano.