Nova imaxe para a Praza da Peregrina. O Concello de Pontevedra reforzará o seu alumeado para realzar este céntrico punto da cidade en horario nocturno.
Así o anunciou o concelleiro responsable dos Servizos básicos urbanos, Xaquín Moreda, que sinala que a actuación terá un orzamento aproximado de 16.800 euros.
Cambiarase a tecnoloxía LED todas as luminarias da zona, reforzando o alumeado con dúas farolas novas.
Ademais, instalarase un proxector para reforzar os niveis de luz no centro da praza.
Xaquín Moreda indica que no pasado xa se intentou recuperar un proxector similar que iluminaba a praza, mais "agora existe a tecnoloxía para poder telo funcionando con todas as garantías".
Moreda explica que o goberno local segue a ter como unha das prioridades deste mandato, por orde do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o mantemento dos espazos públicos.
Dentro dese traballo de mantemento, a mellora do alumeado en toda a cidade é unha das pezas fundamentais.