Nova fin de semana sen médicos en Baltar, Cambados e O Grove

O Salnés
24 de outubro 2022

A situación dos centros de saúde da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés segue sen mellorar. Así o denuncia a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo, que censura que esta fin de semana os consultorios de Baltar, Cambados e O Grove volveron quedar sen médicos

Cartel que informa da ausencia de médico no Grove
Cartel que informa da ausencia de médico no Grove / Plataforma en Defensa pola Sanidade Pública de Sanxenxo

A situación dos centros de saúde da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés segue sen mellorar. Así o denuncia a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo, que censura que esta fin de semana os consultorios de Baltar, Cambados e O Grove volveron quedar sen médicos.

A peor situación viviuse no Grove onde, segundo este colectivo, non houbo ningún médico nin o sábado nin o domingo, como se vén repetindo de manera continuada.

E o domingo, tampouco houbo facultativos nin en Cambados, nin en Baltar (Portonovo).

Neste último, quedou a cargo do PAC o persoal de enfermaría "que tiveron que consultar ao 061 e a un médico de Cerceda cada un dos casos que chegaban pola porta", poñendo a medicación ou derivando aos pacientes ao PAC de A Parda (Pontevedra).

"Tanto o persoal de enfermaría como os pacientes non merecemos este trato", subliñan desde a plataforma, que considera que "isto é unha tomadura de pelo porque non son ausencias imprevistas como lle queren facer crer á poboación".

Recordan que se sabe cun plazo mínimo de 24-48 horas cando falta o médico, porque é co plazo que avisan ao cadro de persoal. As ausencias, sosteñen, son facultativos que están de baixa ou son quendas de garda sen titular asignado, como é o caso da praza médica de Meaño.