Nova fase na campaña de vacinación de reforzo contra a covid coa citación de persoal sanitario

Pontevedra
20 de outubro 2022

A profesionais da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés comezaron a ser citados para poñerse a dose de reforzo ou cuarta dose da vacina contra o coronavirus

Dobre vacinación da cuarta dose contra a covid-19 e da gripe en Campolongo
Dobre vacinación da cuarta dose contra a covid-19 e da gripe en Campolongo / Mónica Patxot

A campaña de vacinación coa dose de reforzo ou cuarta dose contra a covid avanza de forma constante na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, anticipando para os próximos días a entrada nunha nova fase.

Esta nova etapa será a destinada ao persoal sanitario, que xa comezou a recibir as notificacións pertinentes para acudir a partir da próxima semana aos recintos de vacinación, no caso de Pontevedra no edificio da Xunta de Galicia en Campolongo.

Esta vacinación de profesionais sanitarios efectuarase paralelamente á prevista para os grupos de idade.

Polo momento, segundo confirmou a principios de semana o Servizo Galego de Saúde, a citación está centrada nos cidadáns de 70 a 79 anos, ao que se engade a repesca para maiores de 80 e que xa se realizará nos centros de saúde.

Ata o vindeiro domingo, segundo información trasladada polo coordinación de vacinación da área pontevedresa Juan Vázquez, están citadas 2.500 persoas diariamente en Campolongo, ao que se suman as ao redor de 900 chamadas a acudir o recinto de Fexdega en Vilagarcía durante os días laborables reducíndose esta cifra ás 500 durante a fin de semana.

De todos os citados ata a data para vacinarse coa dose de reforzo "estamos a calcular diariamente que acoden entre un 65 ou 70% das persoas", afirmou o responsable do Sergas.