O Concello de Barro abriu ao tráfico a nova estrada que une o núcleo urbano de Santo Antoniño co lugar de Valbón, na parroquia de Agudelo.
O proxecto deste vial xa está practicamente executado a falta dalgúns pequenos detalles que se irán pechando nos vindeiros días.
Esta nova estrada conta con dous carrís circulación, con sendas peonís e cunha iluminación LED de última xeración.
Tamén se aproveitaron estes traballos para conectar a rede de saneamento de augas residuais do lugar de Valbón coa depuradora.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o concelleiro de Obras, Iván Bello, supervisaron os últimos traballos de remate das obras e a apertura ao tráfico desta nova vía de comunicación.
Fernández Abraldes mostrouse moi contento co desenvolvemento e coa execución deste proxecto que considerou "crucial para o desenvolvemento do Santo Antoniño ao mellorar a comunicación entre os dous núcleos".
Este proxecto contou cun orzamento de 175.000 euros e foi executado pola empresa Construcións Vale S.L.