A concellería de Promoción Económica e Turismo de Pontevedra pon en marcha unha nova edición do Concurso de Escaparates con motivo das festas do Nadal. Desde este martes 15 de novembro ata o 12 de decembro, aquelas persoas que teñan establecementos poderán apuntarse a este certame que busca dinamizar o comercio de proximidade durante estas datas.
Poderán participar todos os establecementos comerciais minoristas e negocios de servizos de Pontevedra que conten con escaparates visibles desde a vía pública. Segundo explica a concelleira Yoya Blanco a temática debe centrarse no Nadal con total liberdade en canto a interpretación, deseño, técnica e estilo.
Os escaparates serán avaliados por un xurado que terá en conta a composición, a orixinalidade e o uso de artigos que se comercializan no local como elementos decorativos. Tamén se terá en conta o uso de técnicas sustentables, a interacción co público e será obrigatorio a utilización de elementos naturais.
Yoya Blanco presidirá o xurado, aínda que non contará con voto, que contará con persoas de recoñecido prestixio no sector do escaparatismo, deseño, márketing, promoción comercial e fotografía. Realizarase unha selección de 10 finalistas entre os días 15 e 26 de decembro, reservándose a opción de visitar individualmente aqueles escaparates seleccionados.
O público poderá realizar votacións sobre estes dez finalistas seleccionados a través da aplicación Easypromos, entre os días 28 de decembro e o 6 de xaneiro. Os tres máis votados sumarán 10, 6 e 3 puntos en función dos apoios recibidos.
Os premios aos escaparates serán de 1.300, 800, 500 e 200 euros para o primeiros catro clasificados. Tamén se outorgarán premios ao público que emita o seu voto, con dez vales de 60 euros para realizar compras nos comercios rexistrados.
O 9 de xaneiro coñeceranse os nomes dos locais gañadores e os premios do público. Aqueles que queiran participar poden solicitalos a través de [email protected], incluíndo os datos do nome completo, teléfono de contacto, nome do establecemento, breve memoria explicativa do escaparate a concurso e dúas fotografías da proposta.
Os adornos deberán estar visibles ao público entre o 13 de decembro e o 6 de xaneiro. Os dez finalistas dispoñerán de cartelería con códigos QR que permitirán a votación por internet.