Nova denuncia a un taxista de Soutomaior por prestar servizo en Pontevedra

Pontevedra
12 de novembro 2024

Os axentes da Policía Local de Pontevedra tramitaron a denuncia ante a Delegación de Transportes para que inicie o pertinente procedemento sancionador

Servizo de taxis de Pontevedra
Servizo de taxis de Pontevedra / Mónica Patxot

A Policía Local de Pontevedra tramitou unha denuncia contra un taxista con licenza de Soutomaior por realizar servizos en Pontevedra.

Segundo informa o Concello capitalino a situación denunciada sucedeu sobre as dúas e media da madrugada do 4 de novembro cando a Policía Local recibiu o aviso dun taxista de Pontevedra informando de que tiña parado na avenida do Uruguai a outro de Soutomaior polo transporte irregular de pasaxeiros.

Os axentes comprobaron que o taxi de Soutomaior tiña no seu interior un pasaxeiro, e o seu condutor asegurou que fora o propio cliente quen o chamou, pero non puido confirmar cal era a folla de ruta.

Pola súa banda, o denunciante informou á Policía que a chamada se fixera por radio interna da central de taxi de Pontevedra solicitando este servizo, e apareceu o taxi de Soutomaior. 

Ademais, asegurou que non era a primeira vez que o facía, de feito xa teñen avisado á Policía en anteriores ocasións por feitos similares. 

Os gardas comprobaron a existencia doutro informe anterior do mes de xullo.

Os axentes tramitaron denuncia ante a Delegación de Transportes para que inicie o pertinente procedemento sancionador.

En España, o regulamento do taxi está establecido polas diferentes administracións autonómicas e municipais. Cada concello ten a capacidade de establecer as súas propias normativas e condicións para a prestación do servizo, obtención de licenzas e permisos específicos ou a obrigatoriedade de operar dentro dos límites do municipio.

Na maioría dos casos, os taxistas están autorizados a recoller pasaxeiros exclusivamente dentro dos límites do seu propio municipio. Con todo, existen excepcións como ocorre en Donostia, onde se aplica un convenio inter-administrativo entre os concellos lindeiros coa cidade para a creación dunha Zona de Réxime Especial para a prestación dos servizos de Transporte de Viaxeiros en automóbiles de Turismo.

Tamén o Cabildo de Tenerife, o sector do taxi e os concellos de Granadilla e San Miguel de Abona acordaron a declaración do Aeroporto de Tenerife Sur como zona sensible, o que permite que taxis doutros municipios como Adeje e Arona poidan prestar servizo no aeroporto cando hai picos de demanda.