Nova capa de rodadura na estrada San Bernabé-Chamadoira

Cerdedo-Cotobade
03 de decembro 2017

Esta actuación, que afecta a un treito de 1,1 quilómetros, enmárcase no Plan de Infraestruturas Rurais 2017, orzamentado en 105.000 euros

Visita ás obras na estrada San Bernabé-Chamadoira
Visita ás obras na estrada San Bernabé-Chamadoira / Concello de Cerdedo Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade está executando nestes días o proxecto de mellora integral e renovación do firme da estrada entre os lugares de San Bernabé e Chamadoira, ambos pertencentes á parroquia da capital cerdedense.

Esta importante actuación afecta a un treito de 1,1 quilómetros e é a máis importante do Plan de Infraestruturas Rurais 2017, orzamentado en máis de 105.000 euros e que tamén contempla certas actuacións en camiños do territorio de Cotobade.

O tenente de alcalde, José Balseiros, achegouse ata esta pista para supervisar o avance dos traballos e amosou a súa satisfacción polo resultado. En concreto, as tarefas, que están a executarse con tres máquinas de grandes dimensións, consisten na limpeza e saneamento do firme existente coa retirada do que se atopa deteriorado e na posterior dotación dunha nova capa de rodadura en quente, o que mellora significativamente a transitabilidade da vía.

Balseiros quixo destacar, tras a visita á zona, a importancia desta actuación, "xa que se trata dunha obra estratéxica entre dúas poboacións importantes do noso concello e que reforza moito o estado do firme dunha estrada bastante castigada polas inclemencias meteorolóxicas habituais nesta contorna da ladeira do Seixo".

O vicepresidente incidiu na relevancia deste novo firme para mellorar a circulación e garantir a seguridade do tráfico interno do territorio e tamén do que se dirixe ás parroquias de Cotobade situadas na contorna do Seixo.