Notable descenso de casos de coronavirus na área sanitaria

Pontevedra
23 de xaneiro 2022

A última actualización dos datos da pandemia na área sanitaria de Pontevedra O Salnés reflicte un notable descenso dos casos activos de Covid-10, produto do considerable volume de altas, unhas 874 este sábado unha vez transcorrido o período para dar por superada a enfermidade

Xente paseando pola rúa
Xente paseando pola rúa / Cristina Saiz

A última actualización dos datos da pandemia na área sanitaria de Pontevedra O Salnés reflicte un notable descenso dos casos activos de Covid-19, produto do considerable volume de altas, unhas 874 este sábado unha vez transcorrido o período para dar por superada a enfermidade..

Así, este domingo 23 de xaneiro o Servizo Galego de Saúde (Sergas) notifica 9.030 casos activos nesta área sanitaria o que supón 228 menos que onte sábado. Detectáronse 646 novos casos abertos nas últimas 24 horas. 

Hai un total de 80 pacientes enfermos de Covid que están ingresados en planta de hospitalización: 66 (dous menos que onte) no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 2 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e 12 (un máis) no Hospital do Salnés. 

Así mesmo, continúan 7 pacientes en estado crítico na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital Montecelo.

O resto dos que contraeron o virus, outras 8.943 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e baixo supervisión médica, ao ser asintomáticos ou ter pouca sintomatoloxía.

Desde o inicio do plan de continxencia pola pandemia curáronse 35.471 pacientes, 874 máis que onte. Faleceron por este virus na área sanitaria 240 pacientes, o último, en Montecelo, un home de 87 anos que presentaba patoloxías previas.

En canto a realización de PCR, nas últimas 24 horas fixéronse 675 probas, que se engaden ás 381.790 xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria. A elas súmanse as 209.750 probas de antíxenos e outras 118.532 probas de detección da covid-19.

GALICIA

No último balance do Covid en Galicia caen os casos activos con forza, de 78.029 a 75.585, o recorte é de case 2.500 pacientes.

Curiosamente elévanse de forma notable os pacientes en planta, despois de varias xornadas de descensos: de 502 pacientes en cama convencional pásase, en tan só 24 horas, a 544. Como contrapartida o número de enfermos críticos experimenta un levísimo descenso, de 49 a 48.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 75.585 deles 15.814 son da área da Coruña, 7.621 da de Lugo, 7.753 da de Ourense, 9.030 da de Pontevedra, 20.246 da área de Vigo, 11.380 da de Santiago e 3.741 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 48 están en UCI, 544 en unidades de hospitalización e 74.993 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 298.472 persoas curadas, rexistrándose 2.875 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 3.505.340.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 6.270.346.