'#NoSomosUnEstereotipo, somos mucho más',' a campaña para combater os prexuízos das persoas con síndrome de Down

Pontevedra
21 de marzo 2023

Este martes 21 celébrase o Día da síndrome de Down e Down Pontevedra Xuntos quixo reivindicar a inclusión das persoas con síndrome de Down e doutras persoas con outras discapacidades intelectuais colocando unha gran pancarta na balconada da Casa da Luz, situada na Praza da Verdura

Pancarta na balconada da Casa da Luz
Pancarta na balconada da Casa da Luz / Concello de Pontevedra

Este martes 21 celébrase o Día da síndrome de Down e Down Pontevedra Xuntos quixo reivindicar a inclusión das persoas con síndrome de Down e doutras persoas con outras discapacidades intelectuais instalando unha gran pancarta na balconada da Casa da Luz, situada na Praza da Verdura.

A este evento acudiron Manuel Pérez Cabo, presidente de Xuntos, Paula Villaverde Gondar, coordinadora da entidade; e Laura Carballa e Laura Pérez, ambas son usuarias da asociación.

Todos eles estiveron acompañados polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Cultura, Carme Fouces; a concelleira de Promoción Económica, Turismo, Igualdade e Universidade, Yoya Blanco; o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; e o portavoz do grupo municipal socialista, Iván Puentes.

Laura Pérez comenta que vai todos os días á asociación Down Pontevedra Xuntos e alí traballa con eles. Explica que emprega "novas tecnoloxías, facemos teatro, de todo" e que nesta xornada estaba presente porque "queremos loitar para ter máis oportunidades".

Villaverde expón que "hoxe é un día no que estamos aquí para reivindicar os dereitos das persoas coa síndrome de down baixo ou lema da campaña '#NoSomosUnEstereotiposomos mucho más' tanto da Federación de Galicia como das entidades de Down España".

A coordinadora da entidade comenta "non somos un estereotipo, somos moito máis, lema co que se pretende erradicar e eliminar todos aqueles prexuizos e estereotipos, que existen ao redor das persoas coa síndrome de Down, e que limitan que teñan oportunidades reais, oportunidades que lle permitan participar nunha vida activa, participar dunha maneira inclusiva na sociedade".

Paula Villaverde Gondar aclara que o seu labor é visibilizar e loitar contra os estereotipos que limitan as capacidades das persoas, "sobre todo á hora de pensar na súa proxección de futuro, que é un futuro persoal; no seu plan de vida, o seu futuro laboral que é o que todas as persoas, en definitiva, queremos para a nosa vida".

Ademais a coordinadora da asociación comenta que aínda queda moito para que haxa unha inclusión total.

Ela expón que "agora que está presente neste acto o goberno municipal aproveito para reivindicar a loita polos dereitos no ámbito e no plano laboral, para que teñan unha oportunidade dentro da administración pública e tamén contar coa colaboración das empresas privadas para que teñan un posto de traballo". 

Villaverde tamén trata a importancia de inclusión nos centros educativos, adaptando as aulas e terminando con estes prexuízos que limitan as súas capacidades. Por mor disto, a asociación Xuntos está a sensibilizar e dando visibilidade á importancia de que todos os nenos e nenas compartan o mesmo espazo nas aulas nos centros educativos do CEIP A Lama (A Lama), o CPI Julia Becerra Malvar (Ribadumia), o Colexio Plurilingüe Abrente (Sanxenxo) e a Escola infantil O Grupo (Marín). 

Outras accións que realizará a asociación Xuntos é iluminar de azul e amarelo o Concello de Pontevedra para conmemorar o día da Síndrome de Down.

A asociación Xuntos comezará este 21 de marzo unha campaña en redes sociais baixo o hashtag #NoSomosUnEstereotipo e animan á sociedade para unirse á iniciativa para que sexa Trending Topic en Twitter. Para iso, solicitan que as persoas que queiran mostrar apoio ao colectivo fagan unha foto amosando o signo "+" coas mans, co que queren simbolizar que as persoas coa síndrome de Down son moito máis que un estereotipo e que teñen moito que achegar á sociedade.