"A nosa loita non rematará ata que ningunha muller sexa vítima de violencia"

Pontevedra
18 de novembro 2024
Actualizado: 19:37

Mari Luz Losada, a coordinadora do programa de atención psicolóxica ás vítimas que impulsa o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, elaborou o manifesto institucional de Pontevedra polo 25N

Mari Luz Losada le a declaración institucional de Pontevedra polo 25N
Mari Luz Losada le a declaración institucional de Pontevedra polo 25N / Mónica Patxot

O pleno municipal deste luns, o primeiro que se celebra na casa consistorial desde 1999, comezou, como non podía ser doutro xeito, coa lectura da declaración institucional polo 25N, día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.

Nesta ocasión foi Mari Luz Losada, a coordinadora do programa de atención psicolóxica ás vítimas que impulsa o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, a persoa encargada de elaborar o manifesto, que estivo consensuado por toda a corporación, e de darlle lectura na sesión plenaria.

Durante a súa intervención, Losada apelou a que o compromiso coa loita contra as violencias machistas "non é só unha obriga moral" senón unha necesidade para construír unha sociedade "máis xusta e igualitaria", para o cal é imprescindible a súa erradicación.

A violencia de xénero, segundo esta experta, segue a ser unha lacra que afecta milleiros de mulleres no noso país, polo que advertiu que "a nosa loita non rematará ata que logremos unha sociedade onde ningunha muller sexa vítima de violencia".

O manifesto subliñou os avances logrados en esta materia, entre eles a creación de programas específicos, o incremento da formación especializada e a visibilidade que por fin se lle está dando, "grazas ao esforzo e presión dos movementos de mulleres e ao calado do feminismo".

Malia estos avances, Mari Luz Losada destacou que "aínda queda moito por facer", porque moitas mulleres atopan "grandes dificultades" para acceder aos recursos de apoio que precisan.

Así, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia esixiron que toda muller, independentemente de onde resida, teña acceso á atención psicolóxica e sanitaria que precisa no sistema público de saúde, "un dereito básico e fundamental que debe ser garantido sen excepción".

Ademais, reclamaron unha formación e unha sensibilización continua dos profesionais que tratan coas vítimas, recursos económicos e de persoal "estables e suficientes", unha maior coordinación dos recursos existentes ou programas de prevención e educación dende a infancia.

"O noso desexo máis profundo é acadar unha sociedade onde todas as mulleres poidan vivir libres e sen medo", reiterou Losada, que asegurou que para que iso sexa posible, "necesitamos a implicación de toda a sociedade, de cada institución, de cada persoa"

Con cada paso que se dá neste "longo camiño que temos por diante", concluiu o manifesto, "avanzamos cara a un futuro máis xusto e igualitario, un futuro no que a violencia contra as mulleres sexa só un recordo do pasado".