Nos seus pés, o festival solidario do Grove para concienciar sobre a crise dos refuxiados

O Salnés
19 de outubro 2023

Música, gastronomía e unha chea de actividades lúdicas. É a atractiva proposta que ofrecerá esta fin de semana no Grove o festival solidario Nos seus pés, un evento que busca concienciar á sociedade sobre a crise de refuxiados que atravesa Europa

Festival solidario "Nos seus pés", no Grove
Festival solidario "Nos seus pés", no Grove / PontevedraViva

Música, gastronomía e unha chea de actividades lúdicas. É a atractiva proposta que ofrecerá esta fin de semana no Grove o festival solidario Nos seus pés, un evento que busca concienciar á sociedade sobre a crise de refuxiados que atravesa Europa.

Este 2023 celébrase a quinta edición deste evento que vén tendo lugar desde 2017 tras a Festa do Marisco para extender as celebracións unha fin de semana máis.

As actividades de Nos seus pés, concretamente, serán o venres 20 pola tarde e todo o sábado 21 na Praza do Corgo, e o domingo a celebración trasládase ao Náutico de San Vicente.

O festival arrancará o venres ás 20:30 horas co xa tradicional tapeo solidario, no que estarán Javier Olleros (Culler de Pau), Javier González (Rexidora), Marta Fernández e Roberto Filgueira (O Balado), Alberto Cruz (Landua), Álvaro Fuentes (Meloxeira Praia) e Marcos Otero (Afuego Tapería).

Todos eles servirán as súas creacións gastronómicas acompañados da música de Tú Chupabas Caramelo DJ e continuará, ás 23.30, cun DJ set con Thom Archi, YMK, Tankgirl e Oujapee. 

O sábado Nos seus pés comeza ao mediodía cunha sesión de vermuteo que terá música en directo a cargo de The Freshkiños e tamén o espectáculo de Michu da Rocha. Pola tarde (17.30), haberá actividades para nenos, entre elas manualidades, xogos, pintacaras e un concerto.

Ás 20:30 horas haberá una sesión de zumba e, xa pola noite, catro concertos a partires das 22.15 que inclúen as actuacións de Lucía Aldao, Grampoder, Visi e Treinteañeras Cañeras. 

Xa o domingo o festival será no Naútico de San Vicente. Alí haberá unha sesión vermú que se estenderá ata a tarde. Haberá unha ‘paella solidaria’ e música de Tomás Porteiro e Mürt.

Nos seus pés naceu da inquedanza da súa directora, Mar Benavides, de querer facer un mundo máis xusto para todos. Despois de servir como voluntaria no campo de refuxiados de Eleonas, en Grecia, chegou ao Grove coa idea de axudar, por pouco que fora, á causa dos refuxiados.

Agora, seis anos despois, o festival consolidouse como unha festa máis no calendario de O Grove gracias á colaboración inestimable de toda a veciñanza. Entre todos recadáronse case 40.000 euros destinados, de forma íntegra, a asociacións de axuda humanitaria.