No primeiro día de colexio tras as vacacións de Semana Santa, a praza de Barcelos estrea nova zona de xogos peonil para os escolares. Ata agora as grandes dúbidas recaían na reacción dos pais, que acoden en coche a deixar os seus fillos ao colexio.
As obras de peonalización parcial realizáronse desde o colexio de Barcelos, pasando polo muro de Santa Clara ata a entrada do parking soterrado. Deste xeito, impídese o paso a vehículos por toda esta zona. Por este motivo tívose que redirixir o tráfico e cambiar o sentido de circulación da praza. De aí, as dúbidas pola reacción dos condutores madrugadores.
A pesar desta semipeatonalización, non se produciu ningún tipo de retención de gravidade. O conserxe do colexio manifestou que parecía "coma se non houbese xente na rúa". Os axentes da policía local estiveron dirixindo o tráfico desde primeira hora da mañá. Así, orientaban os condutores confusos que non tiñan claro onde estacionar.
Os comerciantes de arredores tampouco notaron ningún tipo de acontecemento relevante. A preocupación esténdese ao momento no que a policía deixe de controlar o tráfico na zona.
Os axentes controlarán a zona durante toda a mañá, segundo fontes policiais. Polo momento, o tráfico circulou sen incidencias, segundo os axentes, mesmo mellor que antes de que se executasen as obras. Numerosos residentes seguen manifestando o seu malestar pola perda de prazas de estacionamento permanentes por outras de servizos para un uso máximo de 15 minutos.
Ao mediodía, á saída das aulas, tampouco se rexistraron incidencias de gravidade no tráfico. O concelleiro de Obras, Luís Bará, achegouse ata as inmediacións do colexio para atender as peticións dos pais e tamén para comprobar 'in situ' os cambios efectuados na zona.