'Non sexas cómplice', a exposición itinerante coa que Ribadumia denuncia a violencia de xénero

O Salnés
03 de novembro 2023

O Concello de Ribadumia estrea este novembro unha programación chea de eventos e actividades marcadas pola exposición "Non sexas cómplice", propiedade do Instituto das Mulleres, organismo autónomo adscrito ao Ministerio de Igualdade, Cofinanciada polo Fondo Social Europeo, Programa Operativo de Inclusión Social e da Economía Social 2014-2020, e cedida temporalmente ata o xoves 16 de novembro no Auditorio Municipal

Inauguración da exposición 'Non sexas cómplice'
Inauguración da exposición 'Non sexas cómplice' / Concello de Ribadumia

Coa chegada de novembro chega o mes de denuncia e reivindicación contra a violencia de xénero. Por iso, o Concello de Ribadumia estrea unha programación chea de eventos e actividades marcadas pola exposición "Non sexas cómplice", propiedade do Instituto das Mulleres, organismo autónomo adscrito ao Ministerio de igualdade, Cofinanciada polo Fondo Social Europeo, Programa Operativo de Inclusión Social e da Economía Social 2014-2020, e cedida temporalmente ata o xoves 16 de novembro no Auditorio Municipal.

A exposición, inaugurada este venres, denuncia as situacións de trata de seres humanos que existen no noso país mediante un soporte visual que amosa de maneira sinxela as fases da trata.

Entre os aspectos que poden verse é a vulnerabilidade da vítima e as causas e as consecuencias desta grave violación dos dereitos das mulleres, que conleva tremendas secuelas físicas, psicolóxicas, ademáis de sociais, e sinala a outros actores imprescindibles nestes procesos e invita a reflexionar sobre a complicidade que podemos estar outorgando a esta situación ao normalizala, ao non contribuír a denunciala ou ao ignorar que a trata con fins de explotación sexual existe.

O alcalde de Ribadumia, David Castro, considera este tipo de materiais "imprescindibles para concienciar, sensibilizar e visibilizar a crudeza da realidade que desgraciadamente lles toca vivir a moitas mulleres no noso país. Mirar para outro lado non é a solución".

Castro aproveitou para reafirmar o compromiso do equipo de goberno coas políticas de igualdade e coa denuncia de todas as formas de discriminación e violencia contra as mulleres e agradece ao Instituto das Mulleres a cesión da exposición, que estará dispoñible os sábados 4 e 11 e domingos 5 e 12 en horario de 16:00 a 20:00 horas. Os que decidan visitala entre semana terán que avisar ao Concello previamente.