"Non o imos esquecer nunca porque o que vivimos foi indescritible, pero queremos pasar páxina"

Pontevedra
26 de setembro 2024

Salvador García, presidente da Asociación de Afectados de Paramos, acudiu ao xuízo na Audiencia en representación de todos os seus veciños e insistiu na necesidade de pechar o xuízo e "non ter que lembralo constantemente, non ter que vivir aínda pendentes deste xuízo"

Salvador Garcia Pérez e Francisco González Lameiro, na sala de vistas
Salvador Garcia Pérez e Francisco González Lameiro, na sala de vistas / Mónica Patxot

O 23 de maio de 2018, ás 16.15 horas, cambioulles a vida. A explosión dun almacén ilegal de explosivos da Pirotecnia La Gallega arrasou o seu pobo, Paramos, en Tui, e volatilizou tanto a nave na que estaba ese material como toda a contorna. Un matrimonio faleceu e resultaron afectadas 37 persoas e 446 parcelas

Cinco anos e catro meses despois, finalmente, o caso chegou a xuízo. O dono da pirotecnia confesou os feitos e pediu perdón -"Sinto moito o ocorrido. E pido perdón"- e todas estas persoas ás que a vida lle deu un envorco poden empezar a pasar páxina. 

Así o sinalou este xoves Salvador García, presidente da Asociación de Afectados de Paramos. Acudiu ao xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra en representación de todos os seus veciños e insistiu nesa necesidade de pechar un capítulo para poder seguir coas súas vidas. 

As vivendas esnaquizadas pola explosión xa están restauradas, o ano pasado deron por pechada a reconstrución, e tan só quedáballes pendente esta vertente xudicial. "Os veciños o que queren é pasar páxina e esquecer todo", explicou. 

O vivido foi moi intenso e recoñece que "este suceso non o imos esquecer nunca porque o que vivimos foi indescritible", pero si necesitan pechar xa todo o proceso xudicial, que pesaba como o recordo permanente do ocorrido

Agora, pechar a vía xudicial permitiralles "non ter que lembralo constantemente, non ter que vivir aínda pendentes deste xuízo"

A nivel burocrático, ademais, como asociación, a directiva espera que haxa sentenza para poder repartir o diñeiro que segue aínda pendente relativo ás indemnizacións e "poder pechar a asociación e pasar páxina".