Non hai Entroido sen Os do Val do Lérez: “Temos que ser pacientes e non inconscientes”

Pontevedra
12 de febreiro 2021

Co mesmo ritmo e humor habitual, pero con distancia social e a través das novas tecnoloxías. Así regresa este Entroido a comparsa 'Os do Val  do Lérez'. Non puideron xuntarse para celebrar, pero non quixeron deixar pasar esta data tan sinalada no seu calendario anual e comparten co seu público unha charanga 'pandémica'  

Murga de Entroido 2021 de 'Os do Val do Lérez' / Os do Val do Lérez

Co mesmo ritmo e humor habitual, pero con distancia social e a través das novas tecnoloxías. Así regresa este Entroido a comparsa 'Os do Val do Lérez', unha das clásicas que desde hai décadas non falla ás celebracións de toda a comarca. Este ano, ante a suspensión masiva dos festexos, e por responsabilidade persoal, non puideron xuntarse para celebrar, pero non quixeron deixar pasar esta data tan sinalada no seu calendario anual e comparten co seu público unha 'murga' pandémica.

Quero xuntarme para rir e cantar
Cos amigos da murga porque é Carnaval 
Enredar nos ensaios berrando nos fallos
Mandarllle un trago e un conto botar

Así empeza a 'murga' que este ano non poderán interpretar no tradicional concurso pontevedrés. Si a interpretaron varios dos seus integrantes na súa casa e un deles deulle formato de vídeo e acaba de compartilo en Facebook. É Johnny  Güimil, coñecido tamén porque durante o confinamento estrito de 2020 animou durante semanas á poboación de Barro coas súas festas desde o balcón.

Pero este ano non hai Carnaval 
Ravachol queda solo no seu pedestal 
Botaremos de menos beber cos Naveiros,
bailar con Cabada e rir con Ruibal

Ao ritmo da famosa canción 'Quiero' de Julio Iglesias, articulan os seus propios sentimentos, a frustración de non poder celebrar unha das súas festas favoritas do ano e a nostalxia que lles xera lembrar os bos momentos e aos integrantes das outras comparsas coas que desde ano comparten Murgas, Parodia e todo tipo de encontros. E aproveitan tamén para lanzar unha mensaxe de responsabilidade á poboación. 

Quero decirche unha cousa rapaz,
ou tomámolo en serio ou acabamos mal. 
Temos que ser pacientes e non inconscientes
Ter conta de ti e tamén dos demais

A súa particular 'murga' pandémica mestura imaxes de alegría, con varios dos seus 13 membros disfrazados e bailando, con mensaxes serias que piden á poboación que, a pesar das ganas de festa que pode traer o Entroido, fagan caso das recomendacións das autoridades e queden en casa, pois "Entroidos hai moitos, xa han de volver".

Quero que saibas o que hai que facer
Axudar aos que poidas estaría bien 
Comprender o que pasa desde a túa casa
Entroidos hai moitos, xa han de volver

Este Entroido será diferente para Güimil, que asegura que  "non lembro ningún ano sen Entroido". 'Os do Val do Lérez' levan desde 2005 participando de forma ininterrompida nas Charangas e xa varios anos antes eran comparsa e participan nas parodias e desfiles de Pontevedra e outras localidades da comarca, pero el xa vivía esta festa mesmo de antes e confiesa que "é a primeira vez na miña vida que non vivo o Entroido".

Tentou encher en parte ese baleiro disfrazándose esta semana para acudir ao centro educativo no que traballa e, con todo, non foi suficiente e relata que vive "con moita angustia" non ter Entroido. A pesar de todo, asume a situación coa resignación que require o delicado momento de pandemia actual.

No caso dos integrantes deste grupo, como sucede coas persoas que cada ano integran comparsas, charangas e todo tipo de grupos de Entroido, non vivir estas festas non só implica cambiar a rutina desta semana do ano, senón de varios meses. "Estamos afeitos a partir de decembro de xuntarnos", explica Güimil. Os integrantes son de municipios como Pontevedra, Barro ou A Lama, entre ouros, e durante varias semanas ensaian e divírtense porque "o Entroido son moitas semanas de traballo" e logo, varias máis de eventos por distintos municipios. 

A falta de  confratenizar en persoa, fixérono a través das novas tecnoloxías para crear este vídeo, que "foi unha vía de escape de estar encerrado na casa todo o día". A canción compúxoa nun día, pero organizar a todo o grupo e montala levou varias xornadas máis ao longo de dúas semanas. Agora, pódese ver na súa conta de Facebook, na que desde hai días xa lembra actuacións de anos anteriores, para vivir, á súa maneira, o Entroido.