Non haberá rotonda na baixada a Chousa tras a reforma da PO-308 ao seu paso por Combarro

Poio
15 de xuño 2021

A Asociación Veciñal, Cultural e Recreativa Combarro acaba de recibir a resposta da Xunta ás alegacións presentadas para o proxecto de reforma do tramo comprendido entre Fontenla e  Combarro que tampouco contempla a reorganización de aparcamentos ao tratarse dunha competencia municipal

PO-308 ao seu paso por Combarro
PO-308 ao seu paso por Combarro / PontevedraViva

A Asociación Veciñal, Cultural e Recreativa Combarro acaba de recibir esta semana a contestación da Axencia Galega de Infraestruturas ás alegacións presentadas no 2018 pola reforma da estrada PO-308 no tramo comprendido entre Fontenla e Combarro.

No escrito, ao colectivo veciñal chámalle a atención a ausencia da rotonda no cruzamento entre o Camiño Real e a Baixada a Chousa, que consideran un cruzamento "problemático" e no que se teñen producido varios accidentes. 

Tampouco recollen, "por non ser da súa competencia" a dotación de aparcamentos nas parcelas afectadas por Costas na recta da Pinela ata o cruzamento da baixada a Padrón. O documento só limita as beiravías. Explican desde a asociación que esta proposta tería que ser asumida polo Concello de Poio e aproveitar as obras de acondicionamento e seguridade da PO-308 que faga a Xunta para ter diseada a rede de aparcamentos e integrar ambas as actuacións.

En cambio, si que se recollen outras suxerencias presentadas nas alegacións relacionadas coa mellora da seguridade ou a localización dos pasos de peóns. Eliminan tamén carrís centrais de espera e os xiros á esquerda serán a través de glorietas.

Doutra banda, comunicaron tamén ao colectivo veciñal a redacción dun novo proxecto para o tramo Combarro-Covelo.