Non haberá rastro de Juan Carlos I no rueiro de Pontevedra a partir de febreiro

Pontevedra
27 de xaneiro 2021

Durante a exposición pública do expediente para o cambio de nome polo de Virxinia Pereira Renda, sinalou Carmen Fouces, non se presentou nin unha soa alegación en contra da retirada da rúa dedicada ao rei emérito. "É algo que di bastante do sentir da poboación", segundo a concelleira do BNG

Juan Carlos I en Sanxenxo
Juan Carlos I en Sanxenxo / María Muíña / Infosaling

O rei emérito ten os días contados no rueiro de Pontevedra. A partir de febreiro a Avenida Juan Carlos I pasará a denominarse Avenida Virxinia Pereira Renda.

Esta decisión, avalada por BNG e PSdeG-PSOE, tomarase no próximo pleno municipal. Os edís do PP e o concelleiro non adscrito, Goyo Revenga, non apoian este cambio e, previsiblemente, votarán en contra. Xa o fixeron na comisión de Cultura.

"Non podemos ter no rueiro nomes de persoas ás que non estamos dispostas a renderlle homenaxe", sinalou a responsable de Cultura, Carmen Fouces. Por iso é polo que Pontevedra lle vaia a retirar todas as honras a Juan Carlos I de Borbón.

Durante a exposición pública do expediente para o cambio de nome, sinalou Fouces, non se presentou nin unha soa alegación en contra da retirada da rúa dedicada ao rei emérito. "É algo que di bastante do sentir da poboación", segundo a concelleira do BNG.

No seu lugar, Pontevedra recoñecerá a unha muller "que verdadeiramente merece esta homenaxe". Trátase de Virxinia Pereira Renda, esposa de Castelao. Na súa placa figurará a lenda "1884-1969. Galeguista e garante do legado político e artístico de Castelao".

Desde o goberno municipal aseguran estar "orgullosos" de que Pontevedra vaia a ser unha das primeiras cidades en efectivizar a retirada de Juan Carlos I do seu rueiro.

Estano ademais por substituílo por unha muller que "é a antítese do que representa este señor", engadiu Carmen Fouces, que destacou que Virxinia Pereira foi unha muller que "antepuxo o servizo ao país ao seu benestar persoal".

Este cambio, concluíu Fouces, "é un orgullo e unha satisfacción", parafraseando unha das expresións soadas do campechano monarca emérito.

Tras a súa aprobación en pleno, o novo nome de Avenida Virxinia Pereira Renda será "inminente" e a placa colocarase en canto estea terminada. Xa cara o verán haberá un acto público na rúa para celebrar este cambio de denominación.