Para o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nunca antes deuse un compromiso investidor en Pontevedra como o que aprobou o goberno galego nesta lexislatura. Así o destacou durante unha entrevista no programa Cara a cara de PontevedraViva Radio, que se emitirá este mércores a partir das nove da noite.
Durante a entrevista, realizada durante a primeira visita de Núñez Feijóo a un medio dixital en Galicia, o presidente destacou que o próximos tres anos serán "históricos" para Pontevedra, con investimentos que superan os 200 millóns de euros. "Vamos a facer as grandes obras que tiñamos comprometidas", sinalou.
Montecelo será a gran aposta da Xunta. Feijóo confía en que, a finais de 2018, estea xa "en expansión". Ao hospital, suma entre outros o novo edificio xudicial, a variante de Alba, a estación intermodal ou a reforma da antiga delegación da Xunta en Benito Corbal.
Tamén o saneamento da ría, apartado no que aproveita para lembrar que "levamos moito tempo" e Poio aínda non puxo a disposición os terreos para construír unha depuradora "e iso non é unha boa noticia".
Ao longo da entrevista, duns 35 minutos de duración, repasamos co presidente da Xunta a alerta dos pontevedreses ante a seca, un asunto que recoñece é "moi preocupante", a vaga de incendios do pasado mes de outubro ou o futuro de Elnosa. A este respecto, asegura, se cumpre os requisitos ambientais "somos partidarios" de que siga.
A anunciada subida da peaxe da AP-9 tamén ocupa parte do tempo. Núñez Feijóo sinala que se Fomento acordase con Audasa, co PSOE no Goberno, pagar as obras que se están facendo en Vigo ou Santiago, "agora non subirían". Seguirá reclamando a transferencia a Galicia pero avisa que, con esa medida, "vamos a seguir pagando peaxes".
A súa recente paternidade e a busca dun candidato ou candidata que "entronque coa sensibilidade dos cidadáns de Pontevedra" para encabezar a candidatura do PP para as eleccións municipais de 2019 son outros dos asuntos que repasamos co presidente da Xunta ao longo da entrevista en PontevedraViva Radio.
Se acertan coa persoa adecuada, engade, "estariamos acercándonos á maioría suficiente para gobernar" unha cidade que se lles resiste desde hai vinte anos.