Non á Fusión cualifica de "xogo de tronos" a dimisión do alcalde de Cerdedo

Cerdedo-Cotobade
23 de agosto 2016

A decisión de José Balseiros de deixar a alcaldía de Cerdedo deixaría a porta aberta a Jorge Cubela para ser o alcalde do municipio resultante tras a fusión de Cerdedo e Cotobade, o que desde a platafora ven como un "xogo das sillas"

O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela e o de Cerdedo, José Manuel Balseiros
O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela e o de Cerdedo, José Manuel Balseiros

A decisión de José Balseiros deixar a alcaldía de Cerdedo para concorrer nas listas das próximas eleccións autonómicas desencadeou as críticas da Plataforma Non á Fusión.

Esta renuncia deixa aberta a porta a Jorge Cubela, actual alcalde de Cotobade, para que se sitúe á fronte do concello resultante da fusión entre ambos os municipios, que tanto Cubela como Balseiros impulsaron.

Esta manobra é para a plataforma "o seu particular xogo de tronos", xa que "mentres Cerdedo e Cotobade están a agonizar os alcaldes bailan ao xogo das cadeiras", aseguraron a través dun comunicado.

Ademais acúsanos de "vender os seus concellos ao mellor postor" despois de "facer as cousas como as fixeron, ás agachadas e polo calado".

José Balseiros está situado no posto 12 da lista electoral do Partido Popular por Pontevedra e aspira a entrar como deputado no Parlamento de Galicia, algo que sería incompatible coa súa función de alcalde.