Noites Abertas pechou unha exitosa edición no seu décimo sexto ano de vida despois de que case 5.500 mozos pasasen polas súas actividades.
Son cifras previas á celebración dunha festa final que tivo lugar este sábado pero que tivo que adaptarse ás condicións climatolóxicas.
A chuvia obrigou a trasladar os actos dende a praza de Curros Enríquez ao interior do Casino Mercantil.
Nestes, ademais de talleres de 'hulla hoop' ou unha exhibición de danza, varios grupos musicais amenizaron toda a tarde.
Foi o caso de Anodhor, grupo do Local de Música que foi o primeiro en subirse ao escenario polo que tamén pasaron Como el Jueves, Vía Sete Coro e The Soul Breakers, gañadores do premio do público no último Fest e que foron os encargados de pechar a reunión.
Nos próximos días a organización de Noites Abertas, programa municipal que está pensado para proporcionar alternativas de ocio á xuventude pontevedresa, realizará un Foro Aberto onde se analizarán os datos de participación e recolleranse propostas para mellorar a próxima edición, que promete volver con forza.