Noites Abertas chega ao seu ecuador con 101 actividades por celebrarse

Pontevedra
01 de marzo 2024

A programación pode consultarse na web de Noites Abertas ou no Instagram de Xuventude do Concello de Pontevedra @xuventude onde se resolven todas as dúbidas e preguntas practicamente en tempo real

Actividade de Noites Abertas
Actividade de Noites Abertas

Noites Abertas chega ao seu ecuador despois da pequena pausa con motivo do Entroido e quedan tan só catro fins de semana para gozar das numerosas actividades preparadas para a mocidade da vila.

Até o de agora, foron realizadas un total de 74 sesións de actividades, contando cunha asistencia de 1.250 persoas. A que maior asistencia tivo foi o fútbol, seguido do bádminton libre, o pickeball e o tenis de mesa libre.

Ademais, as actividades que completaron todas as prazas dispoñibles foron o rastrexo nocturno de aves, creación de videoxogos, espazo aberto, cócteis sen alcohol, frappés de chocolates, froitas e cafés, modelado e animación para videoxogos, cestaría, tatuaxes de henna, guitarra e customizaxe con bordado.

Agora, por diante quedan catro fins de semana e 101 sesións de actividades diversas e gratuítas, que comezarán este mesmo venres coas programadas agás Observación Astronómica, xa que a previsión meteorolóxica non permite a súa celebración.

Desde o Concello lembran que para participar non fai falta inscrición previa e só teñen a limitación da idade correspondente, oscilando entre os 12 e os 30 anos.

A programación pode consultarse na web de Noites Abertas ou no Instagram de Xuventude do Concello de Pontevedra @xuventude onde se resolven todas as dúbidas e preguntas practicamente en tempo real.