A Axencia Estatal de Meteorología (AEMET) incrementou a nivel laranxa a alerta meteorolóxica nas Rías Baixas polo paso de 'Kirk', furacán reconvertido en forte borrasca e que deixou importantes cifras de precipitacións e ventos fortes.
É o primeiro gran temporal do outono e deixouse notar cunha serie de pequenas incidencias en Pontevedra.
Segundo informou á primeira hora da mañá o Concello de Pontevedra, ata as 7.00 horas os servizos de emerxencia municipais atenderan sobre todo avisos por caídas de árbores ou pólas por mor dos refachos de vento.
Así unha árbore de importantes dimensións cedeu en plena Alameda, nas inmediacións do Cafetín, aínda que co parque xa pechado ao paso de persoas por precaución. Tamén se deron casos similares na Avenida de Marín, Rosalía de Castro, Estribela, Gremio de Mareantes, en María Vitoria Moreno cunha árbore caendo sobre a ponte do río Gafos ou en Casaldourado, en Lérez, onde a estrada afectada permaneceu cortada durante a noite polo perigo de traballar polo forte aire.
O Concello reporta tamén caídas de pólas en moitos espazos verdes da cidade, colectores e valos movidos en moitas rúas ou caídas de postes de iluminación e telefonía en Campo da Torre, Estribela e Casaldourado.
Ademais dúas pranchas metálicas precipitáronse sobre a vía na Rúa Nova de Arriba e localizáronse estadas en situación perigosa e con ruído en Francisco Añón e Touceda, na parroquia de Alba.
A alerta laranxa permanecerá activa até as 14.00 horas deste mércores.