Noite de loito en Campo Lameiro cun velorio polo peche de Abanca

Umia
09 de setembro 2021

Campo Lameiro amence este xoves sen servizos bancarios. O anunciado peche da sucursal de Abanca consumouse e, desde agora, os veciños terán que desprazarse a outras localidades para facer as súas xestións. Pero antes, a vila quixo acompañar este peche cun sentido velorio

Velorio en Campo Lameiro polo peche de Abanca
Velorio en Campo Lameiro polo peche de Abanca / Concello de Campo Lameiro

Campo Lameiro amence este xoves sen servizos bancarios. O anunciado peche da sucursal de Abanca consumouse e, desde agora, os veciños terán que desprazarse a outras localidades para facer as súas xestións. Pero antes, a vila quixo acompañar este peche cun sentido velorio.

Desafiando á chuvia, a veciñanza sumouse ao cortexo fúnebre, que partiu do Concello e foi percorrendo as rúas da vila ata chegar ata a oficina bancaria, onde o público foi depositando os cirios cos que foi acompañado un cadaleito que simulaba a morte do rural galego.

A capela ardente instalada nos baixos do consistorio foi visitada por numerosos veciños que foron deixando notas de condolencia polo peche da sucursal de Abanca nun libro de sinaturas especialmente habilitado para a ocasión.

De xeito puntual, o féretro chegou á Praza do Concello nun coche de Funeraria Peña especialmente engalanado para a ocasión e escoltado por membros de Protección Civil de Portas, Cerdedo-Cotobade e Moraña que renderon os honores oficiais ao "defunto".

A Coral Polifónica de Campo Lameiro foi a encargada de cantarlle varias cancións fúnebres e acompañar aos presentes con diversas pezas especialmente adaptadas para a ocasión.

Posteriormente, o cortexo fúnebre iniciou a marcha desde o consistorio, acompañados polos acordes da Banda de Música Unión Cultural de Campo Lameiro ata a sucursal de Abanca.

Ao remate do percorrido, os presentes foron depositando os cirios que portaban diante da porta da sucursal onde agardaba unha tumba que simbolizaba o "repouso eterno" do mundo rural galego vítima da supresión de servizos básicos e esenciais para afianzar a poboación.

O alcalde, Carlos Costa, en nome da corporación municipal, foi o encargado de dar as grazas aos congregados no sepelio e manifestou o desexo dos grupos políticos de seguir loitando pola dignidade de Campo Lameiro e do rural galego.

Así, Campo Lameiro iniciará de inmediato os trámites para declarar ao presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, persoa non grata no Concello. Aínda así, engadiu o alcalde, "nós non pechamos a porta á vía do diálogo e á negociación".

Volverá a reunirse cos responsables de Abanca en Pontevedra para seguir esixindo unha saída "satisfactoria" a un problema que "eles sós crearon" e que afecta directamente á xente maior "que non se defende cos caixeiros intelixentes e moito menos coa banca electrónica".
 
"Moitos poucos poden facer moito e esta loita que comezou en Campo Lameiro está prendendo en moitos lugares de Galicia polo que estamos convencidos de que cando menos imos ser un incordio rebelde e rabudo", concluíu o rexedor en nome da corporación.