Noite complicada nas estradas do Salnés, con accidentes en Vilagarcía, Cambados e Ribadumia

O Salnés
06 de outubro 2024
Actualizado: 13:27

En Vilagarcía, unha persoa foi rescatada a través do parabrisas do seu coche logo de accidentarse e quedar atrapada polo cinto. Ocorreu na PO-548, en Bamio, sobre as 23.30 horas. O ferido foi atendido polos profesionais sanitarios e trasladado ao Hospital do Salnés en ambulancia

Accidente na autovía AG-41 ao seu paso por Ribadumia
Accidente na autovía AG-41 ao seu paso por Ribadumia /

As últimas horas da noite do sábado e a madrugada deste domingo foron complicadas nas estradas provinciais por mor da choiva e, na comarca do Salnés, deixaron varios accidentes, entre eles, un en Vilagarcía, outro en Cambados e outro en Ribadumia. 

En Vilagarcía, unha persoa foi rescatada a través do parabrisas do seu coche logo de accidentarse e quedar atrapada polo cinto.

Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, ocorreu no quilómetro 13 da PO-548, en Bamio, sobre as 23.30 horas da noite e os bombeiros do Salnés colaboraron co Servizo de Emerxencias de Vilagarcía para auxiliar ao ferido.

O propio ferido contactou co 112 Galicia desde o interior do turismo para indicar que era incapaz de abandonar o coche ao estar atrapado polo cinto de seguridade.

Neste operativo colaboraron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros do Salnés, o Servizo de Emerxencias e a Policía Local de Vilagarcía, así como a Garda Civil de Tráfico.

Á súa chegada, os equipos de intervención comprobaron que a persoa era incapaz de saír ao exterior, polo que procederon coas tarefas de excarceración. A continuación, o ferido foi atendido polos profesionais sanitarios e trasladado ao Hospital do Salnés en ambulancia.

En Cambados, o Servizo de Emerxencias do Concello tamén actuou nun accidente de tráfico na PO-550 en Castrelo en colaboración coa Policía Local. Un vehíciulo saiuse da vía e chocou contra un muro. 

O Servizo de Emerxencias de Cambados tamén actuou nun accidente de tráfico na autovía AG-41 ao seu paso por Ribadumia a solicitude do Servizo de Mantemento de Estradas para proceder á limpeza da vía.

Neste caso, o condutor saiuse da vía, chocou contra a mediana e resultou ferido, de modo que foi evacuado ao Hospital Montecelo por unha ambulancia medicalizada.

Na intervención colaboraron a Garda Civil de Trafico, ambulancias do 061 e Mantemento de Estradas.