Nodosa recibirá o Premio Honorífico da XXVI edición do Premio Xove Empresario

Pontevedra
14 de novembro 2023

María Buceta, presidenta de AJE Pontevedra, visitaba este martes a sede desta empresa que traballa na construción e na remodelación de barcos no Porto de Marín. A entrega do premio será o 24 de novembro no acto que se celebrará na Escola Naval. Nodosa celebrará o seu medio século de existencia no ano 2025 e dá traballo directo a máis de 200 persoas cunha facturación que supera os 50 millóns de euros anuais

AJE Pontevedra entregará o premio honorífico á empresa Nodosa
AJE Pontevedra entregará o premio honorífico á empresa Nodosa / Mónica Patxot

Nodosa Group recibirá o venres 24 de novembro nas instalacións da Escola  Naval de Marín o Premio Honorífico que concede aAsociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra dentro da XXVI edición do Premio Xove Empresario do Ano.

Este martes, María Buceta, presidenta de AJE Pontevedra, comunicaba a decisión aos representantes desta empresa especializada en construcións e reparacións navais, que se atopa situada no Porto de Marín.

A asociación destaca que este grupo empresarial é unha referencia internacional no sector naval e industrial ao axuntar tradición, solidez e dinamismo cun "espírito novo e innovador" e que a presidenta de AJE considera un "exemplo" para novas persoas emprendedoras.

Nodosa celebrará en 2025 o seu medio século de existencia e, segundo explicaban Rafael Outeiral, director de Relacións Institucionais; e José Ramón Regueira, director comercial, naceu como un grupo familiar da man de Manuel Dopico e Jaime Novas e, co paso dos anos, mantén esa máxima coa segunda xeración afrontando novos retos. 

Actualmente Nodosa é unha das empresas do municipio de Marín que acada unha media anual máis elevada de estabilidade de emprego con máis de trescentos traballadores propios e picos nos que, durante algúns meses, a través de empresas auxiliares, superan os 500 empregados. "Somos un pouco rara avis", afirma Rafael Outeiral, sinalando que en ocasións necesitan unha "resposta inmediata" e por iso manteñen tanto persoal.

En Pontevedra, a empresa tamén dispón dunha nave en Mollavao, Nodosafer, dedicada ao traballo en pedra, principalmente granito, e taller mecánico non naval.

Recoñecen que, na actualidade, teñen problemas para obter man de obra, tanto cualificada como non cualificada. "O bo calderero, o tubero, o soldador, o electricista é algo moi específico e necesitan un coñecemento do que é un barco", explica Outeiral e, por este motivo, insta as asociacións empresariais a que promova unha relación máis estreita entre a Formación Profesional e a realidade do que necesitan as empresas, un problema que esperan póidase resolver coa aplicación da FP dual. "Nodosa xa conta con algúns novos estudantes de FP dual", explican os representantes.

A intención é que o talento se manteña na provincia. "Queremos que teñan aquí o atractivo suficiente en temas laborais e salariais", apuntan ao recoñecer que "hai estaleiros principalmente no País Vasco que recorren a man de obra do Leste, aquí non, pero a necesidade obriga porque hai que cubrir as expectativas". 

Segundo indicaban os representantes de Nodosa, a facturación anual rolda os 50 millóns de euros, correspondendo o 75% á división naval, mentres que o 25% restante derívase da actividade industrial.

Os estaleiros de Nodosa levan construídos 308 barcos desde 1975 desde pesqueiros a buques offshore pasando por cruceiros ou ferris. Os vinte primeiros foron auxiliares mexilloeiros, "un sector moi próximo".

Agora afrontan o reto dun barco moi automatizado, contratado desde Nova Zelandia, con máis de tres anos de xestión e que comezará a construírse na primavera de 2024. "Temos que desenvolver un traballo de enxeñería e é toda de Nodosa, propia", aclara Regueira. A construción estenderase ao longo de 30 meses.

Nova Zelandia súmase así á lista de clientes internacionais desta división naval que traballa con, entre outros lugares, Holanda, Feroe, Noruega, Alemaña, toda América do Sur, Malvinas ou Groenlandia, illa que recibiu os últimos mercantes construídos neste estaleiro de Marín. "Tivemos anos en que a exportación era o 70%" da actividade naval. 

No 2025 Nodosa quere realizar xornadas de portas abertas para que a cidadanía de Marín coñeza como se realizan traballos tan sorprendentes como o que se executou no 'Eirado do Costal', que foi alongado 15 metros. "rompe, sepárase e instálase unha parte no medio", explica Rafael Outeiral, que desexa que a poboación da vila teña un coñecemento próximo do que se fai no estaleiro.

"Estamos a preparar con mimo" ese 50 aniversario, indica o representante de Nodosa de cara a esa cita. Como preámbulo recibirán o Premio Honorífico de AJE Pontevedra.