A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou que o Plan Hidrolóxico Galicia-Costa, impulsado polo goberno galego, recolle un investimento de máis de 45 millóns ata 2020 para o saneamento e mellora da ría de Pontevedra, unha cifra á que se suman os 15 millóns de euros que achega ENCE para a depuradora de Praceres a través do pacto ambiental asinado en xuño.
Así o salientou este mércores en resposta a unha pregunta parlamentaria sobre este asunto, formulada pola deputada socialista Patricia Vilán.
Beatriz Mato precisou, con respecto aos proxectos valorados en máis de 45 millóns, que pasan por mellorar a EDAR de Praceres e construír un emisario submarino, construír a EDAR de Poio, mellorar a rede de saneamento de Marín e continuar a execución do Plan de saneamento local da ría de Pontevedra. Precisamente con respecto a este último punto, Mato puxo en valor que, a pesares de que o plan foi adxudicado hai só catro meses, "avanza rapidamente: das oito fases previstas, xa se teñen realizado dúas antes do previsto".
Neste escenario, a nova EDAR de Praceres e o emisario submarino son "obras clave e prioritarias" para conseguir o saneamento, proseguiu Mato, quen aclarou que actualmente estase tramitando ante Costas a concesión dos terreos para a depuradora e o emisario.
Tamén destacou o "gran traballo" de topografía, batimetría e modelización que se está a desenvolver nas dúas primeiras fase do plan de saneamento local, e que servirá para axilizar a elaboración dos anteproxectos das novas infraestruturas.
"Agora, estamos levando a cabo o levantamento de rede e a medición de caudais circulantes, en paralelo coa cuarta modelización do comportamento da ría", concretou. Ao longo de todo o proceso de elaboración do plan de saneamento, levantaranse un total de 15.000 pozos e analizaranse 1.000 quilómetros de rede; ademais da batimetría completa da ría, que xa se ten realizado.
A conselleira avanzou tamén algunhas das previsións futuras, como a de iniciar o anteproxecto do emisario en xaneiro de 2017 ou comezar a redacción do anteproxecto da ampliación da EDAR no primeiro trimestre dese mesmo ano.
En calquera caso, precisou que todas as propostas de futuro, así como actuacións urxentes a desenvolver, estanse tratando na mesa constituída con sector, na que se están mantendo reunións periódicas entre o goberno galego, as confrarías e os concellos da ría.
PREGUNTA DE PATRICIA VILÁN
Estas declaracións da conselleira de Medio Ambiente son a resposta á pregunta formulada pola deputada socialista, Patricia Vilán. O PSdeG-PSOE pediulle á Xunta que "desbloquee" a regularización dos terreos necesarios para a ampliación da depuradora, ao entender que é o "principal escollo" para a obra.
A responsable socialista lembrou que o goberno galego leva anunciando "reiteradamente" a ampliación da depuradora dende que a Ría de Pontevedra fora declarada pola UE zona sensible pola contaminación que soporta. "De tanto escoitar sempre o mesmo foi coma se non nos dixeran nada", sinalou Vilán. Advertiu que a ampliación está á espera dun plan de saneamento e da regularización dos terreos, ata o punto de que o propio Feijóo se tiña comprometido a comezar a obra en setembro, e a día de hoxe "non moveron un papel".
A EDAR de Praceres atópase en Lourizán, xestionada directamente por Augas de Galicia e depura as augas residuais de Pontevedra, Marín e parte dos concellos de Poio, Sanxenxo e Vilaboa, ao tempo que "aínda está sen completar a rede de saneamento do rural". Patricia Vilán concluíu que a Ría de Pontevedra vén soportando un tratamento de augas residuais "excesivo" e padece unha "deficiente depuración".