O uso de máscara é obrigatorio en interiores, pero non ao aire libre se hai posibilidade de garantir a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros. Tendo en conta este requisito, o Concello de Poio lembra que no casco histórico de Combarro as rúas son tan estreitas que resulta imposible manter a separación, por iso é polo que é necesario levar sempre posta a protección.
O Concello de Poio procedeu ao longo dos últimos días a reforzar a colocación de sinais no casco histórico de Combarro para lembrar á veciñanza e aos visitantes a obrigatoriedade de facer uso da máscara polas emblemáticas rúas deste núcleo.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas), destaca que "aínda que o traxecto sexa ao aire libre, no núcleo non existe espazo suficiente para garantir unha distancia interpersoal superior aos 1,5 metros, que é o único caso no que se permite retirar a máscara".
O Concello fai fincapé na importancia de facer uso deste elemento de seguridade, xa que, do contrario, as persoas que incumpran a normativa expóñense a unha sanción.
Ademais, apelan á responsabilidade compartida de toda a poboación para axudar a frear a pandemia da covid-19 e a crise económica derivda. "Temos que continuar protexéndonos e protexendo aos demais seguindo as directrices que marcan as autoridades sanitarias, máxime cando falamos dun lugar como Combarro, que é un dos grandes reclamos turísticos de Galicia", engade a concelleira.