A Garda Civil detivo unha persoa e identificou outros dez individuos polo altercado rexistrado na noite deste luns no poboado chabolista do Vao de Arriba. Dous axentes municipais resultaron feridos no transcurso deste violento suceso ao ser apedreado o seu coche patrulla por parte dun grupo duns 20 veciños deste asentamento marxinal coñecido por ser un punto negro na venda de droga.
Este martes celebrouse unha rolda de prensa no Concello de Poio na que o alcalde Luciano Sobral informou que os axentes agredidos recupéranse nos seus domicilios das lesións sufridas tras recibir o alta a pasada noite no Hospital Montecelo, onde estiveron acompañados polo propio rexedor e a edil de Seguridade Cidadá, Marga Caldas.
"Están completamente abatidos, con cortes, magullados por todos lados", explicaron sobre os policías que agora están de baixa médica.
Preocupa a lesión dunha das axentes que resultou ferida nun ollo cos cristais da xanela do coche durante o ataque.
Para Luciano Sobral o ocorrido onte neste asentamento chabolista "son uns feitos graves que non poden quedar impunes", dixo o alcalde. "Os autores deben pagar por iso", insistiu. E engadiu "quen actúa desta forma ten que saber que a xustiza e a lei hai que cumprilas".
Nesta mesma comparecencia o xefe da Policía Local, Antonio Duarte, relatou que, alertados polo 112, os dous axentes municipais acudiron sobre as 20.07 horas do luns ao Vao en apoio da Garda Civil que acababa de deter a unha persoa reincidente en saltarse o confinamento. Este home opuxo resistencia á detención provocando a reacción violenta dos seus veciños.
Ao chegar ao lugar, a Garda Civil xa non estaba e o coche policial foi rodeado por unha multitude que lles lanzou pedras e golpeoulles con paus. "Os dous axentes lograron abandonar o vehículo e tiveron que esperar aos reforzos fóra do poboado", explicou Duarte.
Nesa turba había xente con "pedras, bates, paus e había dous veciños que tiñan unha machada", asegurou.
O xefe da Policía Local solicitou entón reforzos á Garda Civil, á Policía Local de Pontevedra e á Policía Nacional cuxa presenza disolveu o tumulto e tranquilizou os ánimos.
CONTUNDENCIA
O alcalde asegurou que "o Concello de Poio vai actuar con contundencia neste tema", e anunciou que o goberno local "tomará todas as medidas que estean na nosa man para poñer diante da xustiza a todas as persoas que actuaron desta maneira", cunha violencia que describiu como "case salvaxe".
O rexedor nacionalista agradeceu todas as mostras de solidariedade e apoio de persoas particulares e institucións públicas e apelou á "colaboración" do resto de administracións para resolver xuntos este "problema endémico" xa que "o poboado xitano do Vao é un lugar de permanente conflito que se antolla de difícil solución" para un concello como Poio.
Así, xunto ás intervencións policiais de "control e represión da actividade ilegal" dixo que "ten que haber unha solución integral para resolver o problema social que se dá nese poboado marxinal"
"Isto non pode quedar no olvido nin na impunidade", sentenciou o alcalde.