"Ningunha barreira física vai impedir que a Policía Nacional continúe patrullando todas as rúas desta cidade"

Pontevedra
03 de outubro 2024

O comisario da Policía Nacional aproveitou o acto oficial do seu patrón para defender a necesidade de patrullar a cidade. A afirmación cobra significado se se pon en contexto coa polémica xurdida nos últimos meses pola colocación de bolardos

Celebración do Patrón da Policía Nacional 2024
Celebración do Patrón da Policía Nacional 2024 /

O comisario xefe da Policía Nacional de Pontevedra, Juan José Diaz Jiménez, quixo aproveitar este mércores o acto oficial do seu patrón, os Santos Anxos Custodios, para defender a necesidade de que a Policía realice o seu traballo de patrullar a cidade

"Quero aproveitar este acto para reiterar que ningunha barreira física nin de ningunha outra índole vai impedir que os vehículos da Policía Nacional continúen patrullando absolutamente todas as rúas desta cidade", indicou durante o seu discurso. 

A afirmación cobra un significado específico se se pon en contexto coa polémica xurdida nos últimos meses en Pontevedra tras a colocación de bolardos na rúa Peregrina, nas proximidades da glorieta de Compostela. 

Tras esa colocación, sindicatos da Policía Nacional e outras entidades relacionadas coas emerxencias mostraron o seu rexeitamento, así como o PP e o PSOE, advertindo todos que estes elementos impedían o paso dos vehículos policiais e de emerxencias, pero o Goberno local defendeu que funcionaban ben

O comisario, no seu discurso, non realiza ningunha alusión específica aos bolardos, aínda que a súa afirmación podería aplicarse a este contexto. Ademais, xusto despois referiuse ao modelo de cidade de Pontevedra, ao que o Goberno local apelou para defender a súa instalación. 

Así, o comisario defendeu que esa tarefa policial de patrullar a cidade "non é en absoluto incompatible co modelo de cidade que se desenvolveu en Pontevedra".

A continuación, Juan José Diaz defendeu o modelo de cidade "humanizado" e lembrou que "foi premiado en diversas ocasións" e que sobre el "interesáronse cidades tanto do noso país como do estranxeiro" .

A necesidade de patrullar, defende o responsable policial, supón cumprir "o mandato constitucional de protexer os dereitos e liberdades dos cidadáns". 

No acto estaba presente, na mesa de autoridades, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que non puido ocultar certo malestar.