Ningún informe pericial relaciona a Sito Miñanco cun delito de branqueo

Pontevedra
13 de novembro 2018

A sesión deste martes, a sexta, estivo protagonizada pola perito Salud León que realizou por encargo do xulgado un estudo económico no que analizou os ingresos e gastos da Inmobiliaria San Saturnino. Nas súas conclusións sinalou que "para mí no se justifica su patrimonio, ni el movimiento económico, con sus ingresos"

Sito Miñanco, á súa chegada á Audiencia Provincial
Sito Miñanco, á súa chegada á Audiencia Provincial / Mónica Patxot

Ningún dos informes periciais presentados ata agora relaciona ao histórico narcotraficante cambadés José Ramón Prado Bugallo, coñecido como Sito Miñanco, co delito de branqueo de capitais procedentes do tráfico de drogas polo que está a ser xulgado na Audiencia de Pontevedra xunto á súa ex muller María Rosa Pouso; a súa filla, Rosa María Prado; a súa ex cuñada, Josefa Pouso, e o empresario José Alberto Aguin Magdalena.

Gonzalo Boye, avogado de Miñanco, destacou que os dous peritos de Facenda coincidiron en sinalar que "no había ninguna evidencia" de que proviñese diñeiro de Prado Bugallo aos outros acusados ou ás empresas investigadas. "Lo otro es que nos pidan un certificado de beatificación, que no lo vamos a tener, evidentemente", ironizou.

"Estamos ante un delito de blanqueo de capitales que es justamente lo que no se ha probado aquí", concluíu Boye.

A sesión deste martes, a sexta, estivo protagonizada pola perito Salud León que realizou por encargo do xulgado un estudo económico no que analizou os ingresos e gastos da Inmobiliaria San Saturnino. Nas súas conclusións sinalou que "para mí no se justifica su patrimonio, ni el movimiento económico, con sus ingresos".

Está técnico detectou que os gastos da inmobiliaria eran "superiores a sus ingresos" que procedían dos alugueres de locais, vivendas e as naves do estaleiro O Facho, constatando ademais a adquisición de diversas propiedades por un prezo "notablemente inferior" ao seu valor de taxación.

Neste sentido viraron as preguntas dos letrados da defensa, que ao longo da vista oral incidiron, entre outras cuestións, nos "erros" que, ao seu xuízo, cometeu a empresa consultora Valmesa ao taxar de maneira "sobrevalorada" os bens obxecto desta causa.

O avogado de María Rosa Pouso, Alejandro Vega, criticou que todo o informe desta perito "se sustenta en una premisa que no depende de ella" que é a valoración dos inmobles feita por Valmesa.

O máis rechamante é que a perito rectificou o seu informe inicial para asumir hoxe que si había unha "desproporción" no patrimonio de María Rosa Pouso, a ex muller de Sito Miñanco, algo que antes non concluíra. Con todo non precisou en canto cifra esa "desproporción".

Alejandro Vega incidiu en que esta perito non viu a contabilidade dos acusados "del año 2001 hacia atrás". "Sería como realizar una inspección de Hacienda por aproximación", comentou. 

As defensas cuestionaron a fiabilidade e falta de rigor dos datos manexados nesta pericia chamando a atención do tribunal no feito de que esta técnico "no ha visto" nin a contabilidade, nin as contas ou movementos bancarios dos acusados.

Está perito tamén afirmou que non detectou ningún movemento económico procedente de Sito Miñanco, aínda que precisou que ese tampouco era o seu encargo.

O xuízo retomarase o vindeiro luns 26 de novembro na sección segunda da Audiencia pontevedresa.