No horizonte de 2023, segundo a estimación da Deputación de Pontevedra, o espazo que ocupan o seu parque de maquinaria e a imprenta provincial na Xunqueira de Alba estará "todo recuperado". Os edificios demoleranse e devolveranse os terreos ao seu estado natural.
Trátase, segundo explicou Carmela Silva, dun proxecto "global" no que a institución provincial e o Concello de Pontevedra levan traballando "desde hai moito tempo", ao considerar "prioritario" a recuperación ambiental de toda esta zona.
Para iso, a Deputación comezará "de inmediato" a construción do novo parque de maquinaria no polígono de Barro e que, segundo Silva, será unha instalación que se integrará "extraordinariamente ben" co espazo en que estará situado.
Con respecto ao futuro da imprenta, a presidenta provincial explicou que este servizo era "fundamental" cando o seu principal labor era imprimir os boletíns oficiais, pero ao ser substituídos pola súa edición dixital "consideramos que non necesitan un edificio".
A Deputación manterá este servizo e os recursos asignados a el, pero desde algunha das súas sedes xa existentes porque "todo o proceso xa é con medios telemátivos e dixitais", segundo detallou Carmela Silva, a preguntas de PontevedraViva.
Na Xunqueira de Alba, engadiu Silva, "non quedará ningún edificio da Deputación", polo que fixo un chamamento ás demais administracións para que esta rexeneración ambiental deste ámbito natural poida ser "total e absoluta".
Das obras que impulsa o organismo provincial encargarase a empresa pública Tragsa, o que permitirá que a súa tramitación sexa máis breve e se poida aproveitar o "gran coñecemento" que ten a compañía en materia de recuperacións ambientais.
A este respecto, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, avanzou que o Concello presentará unha "queixa formal" ante a ausencia de partidas nos orzamentos da Xunta e do Estado para proceder a retirar as súas instalacións na Xunqueira de Alba.
Fernández Lores confía en que este paso dado pola Deputación "sirva como exemplo" para o resto de institucións, logrando así a recuperación integral deste espazo natural.