Nin consulta popular sobre a continuidade de ENCE, nin paralización da A-57

Pontevedra
20 de xullo 2015

Eran dous dos asuntos que, a priori, ían encontrar o rexeitamento maioritario da corporación municipal e así foi. O Pleno rexeitou senllas mocións, presentadas respectivamente por PSdeG-PSOE e Marea Pontevedra, nas que se solicita iniciar os trámites para realizar unha consulta popular sobre a continuidade de ENCE, e esixir a Fomento a paralización da tramitación da A-57

Jacobo Moreira e Agustín Fernández, antes do inicio do Pleno municipal
Jacobo Moreira e Agustín Fernández, antes do inicio do Pleno municipal /

Eran dous dos asuntos que, a priori, ían encontrar o rexeitamento maioritario da corporación municipal e así foi. O Pleno rexeitou senllas mocións, presentadas respectivamente por PSdeG-PSOE e Marea Pontevedra, nas que se solicita iniciar os trámites para realizar unha consulta popular sobre a continuidade de ENCE, e esixir a Fomento a paralización da tramitación da A-57. Ambas as dúas foron apoiadas unicamente polos seus impulsores.

O que ía acontecer coa consulta popular era máis que previsible, despois do ditame da comisión celebrada a pasada semana. Agustín Fernández reiterou que sendo ENCE o tema "máis controvertido" de Pontevedra, se debería consultar á cidadanía sobre o futuro dos terreos nos que se asenta e que, salvo que se lle prorrogue a concesión, debería abandonar en xullo de 2018.

O voceiro socialista instou o alcalde a apoiar esta consulta popular para que os cidadáns "nos marquen o camiño" e afirmou que renunciar a iso sería deixar a decisión sobre ENCE "nas mans do PP". Neste escenario, dixo, o BNG sería "colaborador necesario" porque entende que se se consulta aos pontevedreses, aínda que non tería carácter vinculante, "ningún goberno iría en contra da opinión da xente, porque o pobo leva moi mal que o desprecen".

Dende o PP, Jacobo Moreira asegurou que sería unha consulta "viciada" porque cre que os veciños non entenderían a pregunta ao estar formulada en termos urbanísticos; mentres que César Mosquera recordou que os partidos que desexan a saída de ENCE da ría son "maioría" na corporación, polo que non ve necesidade de preguntar sobre este asunto, sobre todo cando non é de competencia municipal. En todo caso, dixo, "se fora por nós, ENCE estaría fóra".

Tamén rexeitaron esta proposta Ciudadanos, xa que María Rey afirmou que ela só é partidaria de facer unha consulta "seria" e non gastar o diñeiro dos contribuíntes "para que un grupo municipal venda su política"; e Marea Pontevedra, que cualificou esta consulta como "capciosa" e reiterou que o único que se debe facer para pechar a porta á continuidade de ENCE é "pedir que se cumpra a lei".

SÓ MAREA PIDE PARALIZAR A A-57

Pola súa banda, foron os dous concelleiros de Marea os que quedaron sós na súa petición de que se aprobase unha declaración institucional que instara a Fomento a paralizar a tramitación da autovía A-57. O resto dos partidos, BNG, PSdeG-PSOE, Partido Popular e Ciudadanos, rexeitaron esta moción apelando ao interese xeral desta infraestrutura para mellorar as comunicacións de Pontevedra.

Luis Rei, que comparou a A-57 con outros "calotes" como a Cidade da Cultura, a AVE ou a autovía da Costa da Morte, denunciou que este vial provocará grandes danos ambientais na serra da Fracha e que non servirá para o propósito formulado inicialmente, que servira como circunvalación de Pontevedra. Ademais, denunciou as "irregularidades" na súa tramitación e recordou o recurso presentado, solicitando á Audiencia Nacional a súa paralización.

Dende o BNG, Carme da Silva destacou a "demanda histórica" que é para Pontevedra esta conexión viaria e recordou que na fase de exposición pública "non houbo alegacións". Tras apuntar que a estas alturas "non se pode paralizar", si pediu a Fomento que estude realizar algunha corrección se xorde algún problema. Neste sentido, Agustín Fernández pediu a Lores que "suavice" estas dificultades mediante unha negociación co ministerio.

O voceiro socialista coincide en que a A-57 é unha necesidade "imperiosa" e aínda que matizou que "non sei se o trazado é o mellor" afirmou que paralizar a súa tramitación sería "irresponsable". Nisto coincidiu con Jacobo Moreira quen, dende as filas do PP, mostrou o seu apoio á construción desta autovía "coas medidas adecuadas para reducir o impacto ambiental" e solicitou a Fomento que se execute e constrúa o antes posible".

Arquivado en