Que as posturas políticas entre o goberno municipal e a oposición están cada vez máis afastadas é un feito. Nin sequera ante un conflito que sobrecolle a toda a comunidade internacional, a corporación logrou aprobar unha declaración institucional de condena.
No pleno celebrado este luns no Pazo Provincial, os edís debateron dúas mocións moi similares, unha delas apoiada por BNG e PSOE e a outra impulsada polo PP. Ningunha das dúas partes cedeu un milímetro nas súas posturas iniciais, o que impediu o consenso.
A este desacordo sumouse o edil non adscrito, Goyo Revenga, que optou por non apoiar ningunha destas dúas iniciativas e abstívose en ambas.
Ambas as mocións coincidían en condenar a agresión de Rusia a Ucraína e en mostrar a "total solidariedade" de Pontevedra co pobo ucraíno. Tamén compartían a súa esixencia dun alto ao fogo"inmediato " e da retirada das tropas rusas.
Retomar a vía diplomática para alcanzar acordos "duradeiros" de paz ou apoiar todas as accións de axuda humanitaria para atender aos refuxiados eran outros dos puntos nos que, aparentemente, estas dúas iniciativas non disentían.
Pero a falta de acordo baseouse, exclusivamente, nun dos puntos. Mentres que o PP reclamaba un apoio explícito á estratexia de acción da OTAN, socialistas e nacionalistas optaron por unha resolución do conflito no marco da ONU e a OSCE.
O portavoz do PP, Rafa Domínguez, lamentou que a postura do goberno municipal "no aborda con profundidad" o conflito e apuntou que, ante este ataque a Ucraína, "hay que escoger bando: o la Rusia de Putin o la Unión Europea y la OTAN".
"No es posible el equilibrio entre la OTAN y Putin", advertiu Domínguez, que asegurou estar "decepcionado" ao comprobar que Lores "es tan radical como Ana Pontón" e que o PSOE "no tiene personalidad propia" ao manter unha conduta que "blanquea al BNG".
Aos socialistas, o líder popular definiulles como unha "panda de borregos" por someterse "dócilmente" á vontade dos seus socios de goberno. "Quítense la chapa del PSOE y pónganse la camiseta del BNG, porque son ustedes un BNG encubierto", apuntou.
Desde as filas socialistas, Tino Fernández lamentou as expresións "desafortunadas e profundamente ofensivas" de Domínguez e afeou a "baixeza" que supón "usar o drama persoal do pobo ucraíno para descualificarnos".
"Se alguén quere sacar rédito político deste desastre, que non conte con nós", engadiu Fernández, que condenou a "ilegal, inxustificada e irracional" agresión de Rusia contra Ucraína, unha conduta que "pon en risco a estabilidade, a paz e a seguridade de toda Europa".
Carme da Silva, pola súa banda, lamentou que o PP non quixese "chegar a acordos no que une a toda a sociedade galega", o rexeitamento á guerra, a retirada das tropas, o regreso á vía diplomática e a "sensación abrumadora" de que "isto non debeu pasar nunca".
O BNG, como partido "antibelicista e antimilitarista", sinalou Da Silva "non imos a tragar cos ditados que Estados Unidos marca sobre Europa". O PP, dixo, si apoiou esta moción na Coruña, Lugo ou Santiago, "ata que recibiron instrucións de que non podía haber acordos".
Para Da Silva é o PP o que "se aparta dos consensos" e censuroulles o seu comportamento político "indecente", acusándoos de que "queren facer da guerra un mitin".