Nin a chuvia puido salvar o loro Ravachol da súa incineración

Pontevedra
22 de febreiro 2015

Un ano máis, o loro Ravachol desapareceu baixo as lapas despois do seu triste falecemento nun ano no que vestía de 'Cremamóbil: incineracións a domicilio'. Centos de persoas asistiron á festa necrolóxica na Ferrería. Coa queima do loro remata o Entroido pontevedrés do ano 2015

Enterro do loro Ravachol 2015
Enterro do loro Ravachol 2015 / Diego Torrado

O inesperado e triste falecemento do loro Ravachol durante as últimas horas provocou que a cidade volvese mostrar, un ano máis, as súas condolencias co característico personaxe que de xeito casual neste Entroido vestía de 'Cremamóbil: incineracións a domicilio'.

Centos de persoas quixeron acompañalo no seu último traxecto. Dende media tarde, numerosas persoas achegáronse ao velorio na sala mortuaria instalada na Praza da Verdura para despois acompañar ao séquito e ás comparsas Val do Lérez, Amoriños de Bora, Os Paparrulos, o Cientolos, Os solfamidas, Las Flores del Carnaval, Vamos a Todo e Os da Caña por un percorrido polo centro histórico en sinal de duelo.

Unha vez que o cortexo chegou ata a Praza da Ferrería desenvolveuse unha reunión infausta e procedeuse á incineración do loro finado. Para honrar a súa memoria, os asistentes puideron gozar dun espectáculo necrolóxico coa lectura dunha elexía dedicada ao falecida, unha actuación da danza da morte a cargo do grupo folclórico Celme. A continuación Os de Algures e Val do Lérez participaron tamén na homenaxe que finalizou coa queima do loro sen que os inoportunos chuvascos lograsen apagar as súas lapas. Coa súa incineración vaise o Entroido pontevedrés de 2015.

Arquivado en