Nin a choiva pode coas ganas de marisco

O Salnés
06 de outubro 2024

A choiva que caeu persistente durante toda a mañá e o mediodía do domingo non foi obstáculo para que a carpa da Festa do Marisco do Grove se enchera. Un dos días grandes do evento deixou as imaxes habituais de colas, en especial na procura de arroz de mariscos, mexillóns e empanada

Festa do marisco do Grove 2024
Festa do marisco do Grove 2024 /

A choiva que caeu persistente durante toda a mañá e o mediodía deste domingo non foi obstáculo para que a carpa da Festa do Marisco do Grove se enchese. Este primeiro domingo do evento adoita ser un dos días grandes e o mal tempo non impediu que repetise éxito este 2024.

Esta primeira fin de semana da festa estivo pasado por auga, pero, a pesar de todo, os máis devotos do evento non quedaron na casa e deixaron as habituais imaxes de colas diante do casetas dos seus produtos favoritos.

Este domingo, o arroz de mariscos, os mexillóns e a empanada foron os pratos estrela durante o mediodía e as mesas preparadas pola organización para a degustación enchéronse aínda que no exterior non paraba de caer auga. 

Entre os clientes, escoitábase a moitos veciños da zona e doutras partes de Galicia, pero tamén persoas chegadas desde outras zonas de España, como Andalucía. Tamén chegaron moitos visitantes en caravanas. 

Ademais da carpa para a degustación, durante esta fin de semana tamén estivo aberta a Feira de Oportunidades de Grovestock, situada na zona comercial da praza do Corgo.

Durante a xornada deste domingo, a programación incluíu a XXIII Carrera Festa do Marisco, que xuntou a máis de 300 participantes, e o Encontro Internacional de Scooter Clásicas 

Non faltou a música, cunha actuación de baile tradicional Asociación Cantodorxo e as Pandereteiras de Cantodorxo.

Continuando coa programación musical, ás 22.00 horas, na carpa de concertos actuarán Cinco en Zocas e Guadi Galego.

A programación da Festa do Marisco continúa ata o vindeiro domingo 13 de outubro. Podes consultar aquí o cartel musical.