Éxito de participación na primeira xornada da Punkativada 2024 de Soutomaior. Aínda que o tempo non acompañase durante a mañá, nin a choiva logrou deslucir a cita festiva e as familias colleron o seu paraugas para a achegarse ata o Multiusos e Arcade e gozar do sábado nesta segunda edición do evento.
O día comezou co ‘obradoiro creativo punki’ que tivo moito éxito entre pequenas e pequenos e tamén entre nais e pais que se animaron a prepara o seu “total look máis punki” para esta xornada. Dentro desta preparación o que máis gustou sen dúbida foi a maquillaxe e a perruquería.
Tras o obradoiro chegou o momento da actuación do grupo ‘As Tareixas’, que conseguiron meter ao público no peto coa súa música e alegría entre a que non faltou un dos seus temas máis famosos que é ‘ A cadeira da avoa’.
A continuación, chegou a quenda do directo de `Silforiña’ de Golfiños onde cos seus ritmos e corografías conseguiron poñer en pé a todo o auditorio.
A choiva xa non fixo acto de presenza pola tarde, pero a cita mantívose igualmente no multiusos. Os Hell Brothers de Cirkompacto foron os encargados de abrir a programación no Multiusos que deixou a todas e a todos abraiados cos seus saltos e acrobacias circenses.
Rematada a actuación, os protagonistas foron ‘os xogos de paporrubio’ e o concerto Singular de Píscore pechou programación do primeiro día. Os ritmos musicais, a comedia xestual, o clown.... fixeron que fose un éxito cun cheo absoluto no auditorio do Multiusos.
A programación retomouse este domingo na Carballeira do Peirao. A xornada comezou co obradoiro creativo de 'Palabras encadeadas' unha cita onde se van a encadear palabras para que non se perdan creando unha peza artística con elas e así de xeito lúdico non perder o vocabulario que non usemos.
A continuación. chegou un dos platos fortes desta edición co concerto da Gramola Gominola, unha banda de auténtico Rock&Roll en galego con Paco Cerdeira (Pakolas, Zenzar), Paula Romero (De Vacas, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (Di elas, Lacón con Grelos).
Xa pola tarde, terá lugar un fin de festa por todo o alto co espectáculo ás 17:00 horas de Peterpunk e o neno imperdible protagonizado por Peter Punk e Brais das Hortas.