NGB recoñece que son o Goberno e a UE quen non lles deixan devolver o diñeiro das preferentes

Pontevedra
03 de xuño 2013

Antes do 14 de xuño o Concello de Pontevedra decidirá que contas bancarias cancelará en Novagalicia Banco. Así o asegurou este luns o portavoz do goberno municipal, Raimundo González que deu conta da resposta que a entidade trasladou ao alcalde, Miguel Fernández Lores, tras ser requirido a que devolvese o diñeiro estafado aos tenedores de preferentes e participacións subordinadas

Miguel Fernández Lores cos afectados por preferentes no Concello de Pontevedra
Miguel Fernández Lores cos afectados por preferentes no Concello de Pontevedra / PontevedraViva

Antes do 14 de xuño o Concello de Pontevedra decidirá que contas bancarias cancelará en Novagalicia Banco. Así o asegurou este luns o portavoz do goberno municipal, Raimundo González que deu conta da resposta que a entidade trasladou ao alcalde, Miguel Fernández Lores, tras ser requirido a que devolvese o diñeiro estafado aos tenedores de preferentes e participacións subordinadas.

Era un dos acordos que se tomou no Pleno municipal do pasado 9 de maio. Antes de retirar as contas, darlle a oportunidade a NGB a reintegrar todo ese diñeiro. Pero non será así. Na carta asinada por Juan Díaz Arnau, director xeral de Novagalicia Banco, a entidade xurdida da fusión das caixas galegas, explica que non devolve ese diñeiro "porque non o pode facer e non porque non o queira facer".

Asegura que llo impide o Goberno central e a Unión Europea en virtude do acordo que ambos chegaron para recapitalizar os bancos españois. Entre outras medidas, desde NGB afirman que se lles esixe que convertan de forma obligatoria estes produtos híbridos en accións do banco. "ÿ polo tanto, unha decisión allea ao banco, que non ten as competencias necesarias para tomar a medida de devolver o diñeiro aos clientes afectados".

Continúa esta carta ao alcalde explicando que os 9.000 millóns de euros aportados polo erario público a Novagalicia Banco "permiten o seu saneamento, solidez e garantía para todos os clientes e a viabilidade como entidade galega, pero con condicións e unha delas é a de non permitir usar ese diñeiro para converter depósitos híbridos de capital".

Juan Díaz Arnau insiste en que o único que pode facer "e está facendo" Novagalicia Banco ante este problema "foi axudar a resolvelo, anulando, un a un, unha media de 60 casos por día, todos os contratos defectuosos". Recoñece que a arbitraxe detectou erros na comercialización, ata agora, en 17.000 clientes, "o que lles permitiu recuperar o 100% de todo o seu diñeiro" e outros 70 que o lograron pola vía xudicial.

Conclúe esta misiva afirmando que, malia a necesaria restructuración da súa rede comercial e de persoal, Novagalicia Banco "é un dos cinco principais empleadores de Galicia", dá servizo ao 90% da poboación galega e dobra a rede do resto de entidades. No caso de Pontevedra, di, ese servizo cífrase en 13 sucursais, "por encima da ratio media de oficinas bancarias por poboación".

E por iso, contestando directamente ao acordo plenario do Concello de Pontevedra, o director xeral de NGB asegura que "non somos quen para recomendarlles o que debe decidir para o ben dos seus veciños", pero pídelles que confíen en que o esforzo da entidade por ser un proxecto "sólido e rendible" desde este mesmo ano, "sirva para devolver aos contribuintes e aos nosos clientes a confianza e o agarimo que en gran parte perdemos con toda esta crise dos produtos híbridos".