O proceso de arbitraxe para os afectados de preferentes e subordinadas permitirá, segundo Novagalicia Banco, que o 65% dos clientes que teñan este tipo de produtos híbridos "recuperen o seu diñeiro". Así llo trasladou este martes a unha representación de afectados da Plataforma Marín-Pontevedra o director territorial de NGB en Pontevedra, José Manuel Fernández, nun improvisado encontro celebrado no Centro Social Novacaixagalicia.
Ata alí desprazáronse, trala súa reunión co alcalde de Pontevedra, ao decatarse que directivos de Novagalicia Banco estaban mantendo un almorzo informativo con algúns xornalistas da cidade. Unha trintena de afectados, tras quitarse a súa camiseta reivindicativa, dirixíronse cara ao inmoble situado na rúa Augusto González Besada para que o director xeral do banco, Juan Díaz Arnau, os recibise.
Non o conseguiron. Non pasaron nin sequera do hall. Alí mantiveron unha charla, de aproximadamente quince minutos, co director territorial en Pontevedra, José Manuel Fernández, e o director de zona, José Luís Matos. Foron os que resolveron algunhas das dúbidas que tiñan os afectados ante a nova quita aprobada polo FROB que, nalgúns casos, provocaralles a perda de case o 65% dos seus aforros.
Os directivos de NGB confirmáronlles que o domingo poñerase fin á vía da arbitraxe. Todas aquelas persoas que non sexan chamadas ata ese momento, non poderán recuperar o seu diñeiro mediante este procedemento. Serán aproximadamente o 35% dos seus clientes afectados. Aínda que recoñecen que "estamos revisando toda a documentación a toda máquina" para incluír a máis persoas, serán miles de galegos os que se quedarán fóra.
NGB explica que el 35% de afectados non poderá acceder á vía da arbitraxe "polos criterios impostos desde o Banco de España"
Os afectados preguntaron que pasará con eses afectados, se algún día recuperarán o seu diñeiro. A eles pedíronlles "paciencia", porque en opinión de José Manuel Fernández "non teñen por que perder o seu diñeiro". Explicou que ese 35% de afectados non poderá acceder á vía da arbitraxe "polos criterios impostos desde o Banco de España" e por orde de "os nosos donos", o FROB do que dixo "é quen nos marca o ritmo".
A todos eles quedarlles a vía de aceptar os procedementos de troco e liquidez previstos polo FROB e o Fondo de Garantía de Depósitos. En concreto, os titulares de participacións preferentes e débeda subordinada de NCG Banco perderán entre un 22,4% e un 64,5% do seu diñeiro se, tras efectuarse o troco por accións da entidade, solicitan dar liquidez a esas participacións.
Para dar diñeiro líquido aos afectados por este tipo de produtos, facultouse ao Fondo de Garantía de Depósitos de Entidades de Crédito (FDGEC) para que faga unha oferta para adquirir as accións nas que serán transformadas as preferentes e subordinadas. Pero dar este paso implica unha quita extra, que se suma á do troco por accións, que o Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria (FROB) fixou no 13,8%.
Os afectados aseguraban que desde as oficinas do banco "impídennos levarnos os papeis a casa para lelos con calma e consultalos cun avogado", ao que o director territorial de Novagalicia Banco aclaroulles que non é certo. "Algúns dos documentos non están sequera nas oficinas e, en todo caso, poderán estudalo con detenimento", asegurando ademais que asinalos "non implica que non se poida seguir reclamando o diñeiro por vía xudicial".