Nin a chuvia conseguiu deslucir a homenaxe que o Concello de Pontevedra rendeu este xoves a Ernestina Otero Sestelo, directora da antiga Escola Normal de Maxisterio de Pontevedra. O tempo obrigou a trasladar o acto dende a avenida de Montero Ríos ao IES Valle Inclán. Alí recordouse a figura dunha muller se dedicou máis de trinta anos ao ensino nunha época con gran dificultade para o acceso aos estudos, especialmente para as mulleres.
Na homenaxe, ademais da concelleira de Muller, Carme Fouces, que destacou que mulleres como Ernestina Otero "foron as que edificaron a estrutura de dereitos que agora queren roubarnos", participaron Aurora e Clementina Vidal Caramés; Manuel Puga Pereira, neto e biógrafo de Ernestina Otero e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Este último destacou durante a súa intervención que "hoxe Pontevedra comeza a salvar unha débeda co seu pasado, cunha figura que tantos exemplos de intelixencia, de xenerosidade e compromiso nos deu, e que hoxe recibe o recoñecemento da que foi a súa cidade de adopción durante máis de 30 anos".
O alcalde sinalou que "nestes tempos en que parece que camiñamos para atrás, en que están ameazados dereitos e avances que tanto custou conquistar, precisamos recuperar o exemplo de persoas íntegras coma Ernestina Otero". Neste sentido avanzou que esta homenaxe "é só un primeiro chanzo dun recoñecemento social que se irá ampliando con outras propostas, co fin de manter sempre acesa a súa luz de muller excepcional e pedagoga exemplar".
Nacida en Redondela en 1890, Ernestina Otero estudou Maxisterio en Pontevedra, e dende 1915 ensinou nesta escola e na Normal e colaborou ademais en moitas outras actividades sociais que deixaron unha profunda pegada na cidade. A súa implicación no sistema da Institución Libre de Ensino e a súa loita polos dereitos das mulleres provocaron a súa suspensión e degradación trala guerra.
Malia a persecución que sofren ela e a súa familia, a súa vida seguiu marcada pola solidariedade e o compromiso. E tras dez anos de desterro en Ourense, finalmente puido volver a Pontevedra, onde seguiu ensinando nunha Escola de Maxisterio onde rexía a separación por sexos e había programas diferentes para mozos e mozas. Considerada como unha figura clave na emancipación feminina na primeira metade do século XX, faleceu en 1956.
Esta homenaxe celebrouse na véspera do inicio do II Simposio "A memoria das mulleres" que terá lugar este venres e sábado na Casa das Campás.