A innovación é neste 2024 o lema escollido polas Nacións Unidas para conmemorar, este xoves 21 de marzo, o Día Internacional dos Bosques. Nenos de Ponte Caldelas e estudantes universitarios celebraron esta efemérides.
Así, o alumnado dos colexios de Ponte Caldelas, Cordo Boullosa e A Reigosa, participaron este xoves na creación dun bosque de dúas hectáreas no Coto do Carrizo, en Forzáns.
Plantáronse máis de 1.000 árbores: 300 castiñeiros, 500 carballos americanos, 200 cerdeiras e outras especies autóctonas doadas polos veciños de Forzáns
O proxecto, liderado pola Comunidade de Montes de Forzáns, faise en colaboración cos axentes ambientais do Distrito XIX e o Concello de Ponte Caldelas.
En total participaron máis de 300 nenos dos dous centros educativos, que estiveron guiados polo mestrado, axentes forestais, a directiva da comunidade de montes e máis dunha vintena de veciños de Forzáns.
Pola súa banda, a Escola de Enxeñaría Forestal tamén fixo unha plantación, diante do centro, dun metrosidero. Este acto simbólico buscaba tamén, como explicaba o director en funcións do centro, Juan Picos, pór o foco no proceso de transformación que está a vivir o sector forestal, que fai que os informes de Nacións Unidas apunten "a un crecemento nos próximos dez anos de preto dun 15%" da demanda de técnicos neste sector a nivel mundial.
Pontevedra é toda unha referencia no eido do coñecemento e investigación forestal por contar o municipio con institucións coma a Misión Biolóxica de Galicia, o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, a Estación Fitopatolóxica de Areeiro e a Escola de Enxeñaría Forestal que conta cuns niveis de ocupación dos seus egresados do 100%.