A Policía Local de Pontevedra detivo un home de 45 anos de idade por un presunto delito de violencia doméstica.
Segundo consta nos informes policiais a media noite do 9 de outubro a Policía Local recibiu a chamada dun cativo de 10 anos alertando de que o seu padriño lle pegara na súa casa.
Os axentes pedíronlle que puxera ao teléfono a súa nai, que tamén estaba na vivenda, pero esta non quixo.
Ante esta situación, a Policía trasladouse ao domicilio e entrevistáronse co menor.
Non era a primeira vez que lle pegaba, segundo contou o neno aos axentes. Cando isto ocurría el pechaba na súa habitación porque lle tiña medo.
Os axentes comprobaron que tiña a meixela vermella e estaba moi asustado.
A súa nai tamén ratificou que era o padriño do neno e que estaba vivindo no salón. Dixo que aínda que tivera comportamentos violentos co rapaz nunca chegara a agredirlle.
Esta versión da nai mudou cando chegou o seu home e lle confirmou que si lle pegara o cativo. A muller pediulle á Policía que quería que recollera as súas pertenzas e abandonase o domicilio.
O presunto agresor, que até ese momento mantivera unha actitude tranquila, negouse a abandonar a vivenda.
Comezou a berrar aos axentes e cando trataron de conducilo ao exterior, empezou a golpealos chegando a trabar un deles nunha man.
A pesar da resistencia do home, os axentes conseguiron sacalo da vivenda e poñelo a disposición da Policía Nacional.