Nelson Quinteiro e o grupo Mais Cantos actuarán en conmemoración do aniversario da 'Revolución dos Cravos'

Pontevedra
20 de abril 2023

O martes 25 de abril o Ateneo de Pontevedra organiza un acto diante do Teatro Principal lembrando o movemento progresista das forzas armadas de Portugal que derrocou o réxime da ditadura de Antonio de Oliveira Salazar no que convidan aos asistentes a levar un cravo vermello 

Máis Cantos e Nelson Quinteiro
Máis Cantos e Nelson Quinteiro / Concello de Pontevedra

O martes 25 de abril o Ateneo de Pontevedra conmemorará o aniversario do movemento progresista das forzas armadas de Portugal coñecido como 'Revolución dos Cravos' que derrocou o réxime da ditadura de Antonio de Oliveira Salazar e marcou o comezo da transición de Portugal á democracia.

A asociación convida ás persoas interesadas a concentrarse, cun cravo vermello na man, ás 19:00 horas na Rúa Charino, diante do Teatro Principal de Pontevedra.

Nelson Quinteiro e o grupo Mais Cantos encargaranse de amenizar o acto. O músico galego fará un percorrido por diferentes músicas populares de Portugal para concluir, acompañado do grupo de canto tradicional. Interpretarán pezas significativas como 'Oh Rama' ou 'Milho Verde'.

Ademais, cantarán a coñecida como banda sonora da revolución portuguesa chamada 'Grândola, Vila Morena' de José 'Zeca' Afonso, unha cantiga no seu momento prohibida pola ditadura e que serviu para iniciar a revolución chegando a convertirse, segundo indica a asociación, nun himno total pola democracia e a liberdade.

O Ateneo disporá de 60 cravos vermellos para celebrar esta conmemoración.