A Garda Civil de Tráfico decidía cortar o tráfico en dirección Pontevedra-Marín na estrada PO-11, coñecida popularmente como a "autovía de Marín", debido á presenza de auga na calzada no tramo comprendido entre Ence e Os Praceres.
As fortes choivas chegadas coa borrasca Nelson que levan rexistrando durante a xornada deste mércores 27 de marzo coinciden coa preamar e a auga da ría chegou ata a estrada.
Un particular informaba ao 112 Galicia de que esta estrada á altura do quilómetro 2 permanecía completamente anegada debido á subida da marea.
Por este motivo decidíase inicialmente cortar a estrada en ámbolos sentidos de circulación entre os quilómetros 1.2 e 3.7, segundo informa o 112 Galicia.
A decisión era adoptada a media tarde co corte do paso circulatorio á altura do nó da autoestrada, antes da chegada á fábrica de Ence.
Os vehículos eran desviados a través da rotonda cara á AP-9, a VG 4.4, circunvalando o centro urbano de Marín, ou retornando a Pontevedra para que se trasladasen a través da PO-546, coñecida como a estrada vella de Marín.
Arredor das 19.15 horas, nunha interrupción das chuvias e co descenso da marea, os axentes decidían retomar a normalidade da circulación permitindo o acceso a este tramo da vía.