Un bautismo náutico. ÿ o que protagonizarán persoas con discapacidade usuarias da Asociación Avanzar do Umia-Ulla e da Asociación Anduriña da comarca do Salnés. Embarcarán no veleiro Laion para realizar unha travesía pola ría, onde van aprender nocións básicas sobre a navegación a vela, a realización de nós mariñeiros e tamén, poderán aprender o manexo do temón.
Sairán o domingo 14 e o luns 15 de xullo dende o Club Náutico San Vicente do Mar. Os embarques serán o domingo ás 16:00 horas e o luns ás 11:00 horas, e a travesía pola ría vai ter tres horas de duración.
A navegación do Laion forma parte do Proxecto GAVEA (Galicia Vela Adaptada) que organiza cada verán a Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade da provincia de A Coruña (COGAMI Coruña), entidade membro de COGAMI e que ten en garda e custodia o veleiro dende o ano 2002, cando a Audiencia Nacional llo requisou ao narcotráfico.
O Laion, de 13 metros de eslora, ten capacidade máxima para 9 persoas: 2 tripulantes, 5 participantes con algunha discapacidade e outras 2 persoas acompañantes. A tripulación do Laion está formada por persoas voluntarias que ceden desinteresadamente o seu tempo libre para participar neste proxecto.
A embarcación conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar ás persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. O control da embarcación conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador, permitindo a gobernación do barco a calquera persoa.