O Consello de Administración de Nauta aprobou solicitar a Portos de Galicia a ampliación da prórroga da concesión portuaria en Sanxenxo ata 2047.
Para o Goberno local, esta prórroga contribuiría a converter nun referente na entrada da Ría de Pontevedra ao porto de Sanxenxo e redundaría na mellora da fachada marítima.
No seu momento, tanto na compra como nas obras do porto deportivo investíronse 14 millóns de euros que se financiaron coa venda das prazas de aparcamento, locais comerciais e a explotación das instalacións náuticas e o aparcadoiro. O Goberno local utilizará a mesma fórmula se finalmente se lle renova a concesión, polo que insiste en que esta actuación non terá ningún custo para as arcas municipais.
Tamén desde o Consistorio lémbrase que Nauta xera uns ingresos anuais na caixa común do Concello superiores aos 400.000 euros co pago de impostos locais como o IBI e o resto polos beneficios de explotación do aparcadoiro e os pantaláns.
A prórroga que Nauta tramita ante Portos de Galicia ten unha duración de 20 anos que se suman aos 7 que aínda lle restan á actual concesión e que levaría a explotación do espazo ata o ano 2047.
O Goberno local quere poñer en marcha distintos proxectos que, coa seguridade xurídica que lle outorgaría a ampliación da concesión durante o tempo suficiente, garantiría a súa finalización.
O investimento previsto neste espazo supera os 13 millóns de euros. O Concello de Sanxenxo prevé tres actuacións para dinamizar a zona. Unha delas é a "Batea en Terra", o proxecto gañador do concurso de ideas asinado por Paredes Pedrosa Arquitectos e cuxa calidade arquitectónica será un reclamo máis para Sanxenxo. A proposta prevé construír esta estrutura similar á do cultivo de mexillón que se converterá nun recinto que permitirá albergar eventos deportivos, culturais, feiras ou congresos en calquera época do ano. O proxecto propón eliminar as bancadas da praza, substituíndoas por un suave noiro, a creación dun xardín de especies autóctonas e pasarelas de madeira peonís. Este proxecto incluiría a remodelación do edificio de Capitanía e os locais comerciais.
A ampliación da concesión ata 2047 tamén implicaría concluír os proxectos de rexeneración das praias de Lavapanos ou Carabuxeira e a realización de cambios necesarios para evitar as perdas de area. Así como a construción dun paseo marítimo entre as praias de Panadeira e Carabuxeira, pendente dun convenio entre o Concello e Costas.
As instalacións de atracada é outra das melloras contempladas polo Goberno local no horizonte temporal da concesión. Prevese a reordenación da lámina de auga, a substitución das torretas de subministración, a reparación das flotacións dos pantaláns ou a adaptación da instalación da subministración de combustible, entre outras actuacións.