Desde a empresa municipal Nauta Sanxenxo, leváronse a cabo unha serie de actuacións no porto deportivo para a súa posta a punto de cara a esta tempada estival, valoradas en máis de 80.000 euros.
No parking fíxose un pintado completo e reparacións varias das instalacións. Ademais, instaláronse uns enreixados con porta lateral, que polas noites permanecen pechadas para que unicamente poidan acceder as persoas que teñen o seu vehículo estacionado no interior. Para controlar esa entrada, colocáronse uns porteiros automáticos, que permitan a apertura das portas ao presentar o billete do parking.
No porto reparáronse os viarios, empedrados e beirarrúas. Ademais, pintáronse e reparado os elementos decorativos, como son bancos ou macetas.
No varadoiro instaláronse novas varandas nas zonas de acceso e unha varanda de seguridade na zona da gasolineira, reparáronse as baixantes de auga e canalizacións, e fíxose unha limpeza de muros e reposición de pedras. Pintáronse tamén os pilotes dos pantaláns, instalado nova sinalización e fabricado novos berces e puntais de varada e se fixeron melloras na liña de electricidade dos pantaláns.
A Sala Nauta e a oficina de Turismo dispoñen agora de aire acondicionado. Estes dous espazos levaban anos sen este sistema de climatización e as altas temperaturas nos días de calor, dificultaban o traballo na oficina e impedían o uso da sala.
Compráronse dúas tablets para a oficina de Nauta, que permitan informatizar o rexistro dos tránsitos do porto. E, ademais, instalouse a aplicación, MyOpen, no acceso aos pantaláns. Esta aplicación, en fase de proba, permite a apertura de portas desde un dispositivo electrónico sen necesidade de chaves ou cartóns.