Naturfeira ou como celebrar as Letras Galegas dun xeito alternativo

Ponte Caldelas
14 de maio 2017

Xa está todo listo en Ponte Caldelas para acoller a segunda edición de Naturfeira, un evento que reivindica un estilo de vida alternativa e que se celebrará na Alameda da vila o próximo mércores 17 de maio. As responsables da asociación Calakux, organizadora da feira, pecharon xa o programa definitivo de actividades

As organizadoras da Naturfeira, xunto o alcalde de Ponte Caldelas
As organizadoras da Naturfeira, xunto o alcalde de Ponte Caldelas

Xa está todo listo en Ponte Caldelas para acoller a segunda edición de Naturfeira, un evento que reivindica un estilo de vida alternativa e que se celebrará na Alameda da vila o próximo mércores 17 de maio.

As responsables da asociación Calakux, organizadora da feira, pecharon xa o programa definitivo de actividades.

A feira contará con 25 expositores, segundo confirmaron as súas impulsoras, Kira Maschanka e Cali Carabelos. A organización rexeitou moitas propostas de participación chegadas de Galicia e mesmo de fóra, porque a cita está concibida para dar preferencia aos artesáns da bisbarra.

O espírito de Naturfeira, recordan, é o dunha feira vivencial, moi pegada ao territorio, que aprecia o valor do local, dos produtos naturais, das cousas feitas coas mans e dos obxectos cunha segunda vida. Así, as plantas medicinais, as verduras orgánicas, os cosméticos e, por suposto, os obxectos artísticos serán os protagonistas do seu mercado.

Abrirá ás 10.00 horas, pero as actividades arrancan ás 12.00 coa lectura de contos de Carlos Casares con acompañamento de arpa celta. Ás 12.30 horas chegará a actuación da coral Valdarrosa e ás 13.00 horas será o momento do cantautor Iván Gulías.

Ás 14.30 horas está programada unha andaina polas beiras do Verdugo, con guías e música en directo; ás 17.00 horas máis música con Aviva voz, ás 18.15 horas, teatro infantil con Codia e Miolo e, ás 19.15 horas, danzas do mundo con Alicia R. Otero. Durante todo o día haberá un pasarrúas alternativo a cargo de Anxo Moure.

A oferta de obradoiros servirá para aprender sobre cerámica, pulseiras para nenos, pintura, competicións de avións de papel, plantas medicinais e masaxes, entre outras cousas.

Durante todo o día estará aberto o rastro de segunda man para todas as idades Acción Galicia Recicla, que dará protagonismo especial á roupa e xoguetes, sen esquecer libros e obxectos para a vida cotiá.

O alcalde, en nome de todo o goberno local aplaudiu a iniciativa de Calakux, unha asociación radicada en Forzáns, que complementa con esta feira a oferta cultural de Ponte Caldelas.

Arquivado en