Nas últimas 24 horas curáronse 399 persoas da covid-19 na área sanitaria

Pontevedra
22 de febreiro 2022

O Servizo Galego de Saúde informa que son 2.654 as persoas con infección activa de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra O Salnés, segundo a última actualización dos datos da pandemia feita este martes 22 de febreiro, son 223 menos que onte luns

Primeira xornada sen a obrigatoriedade de usar máscara ao aire libre
Primeira xornada sen a obrigatoriedade de usar máscara ao aire libre / Cristina Saiz

O Servizo Galego de Saúde informa que son 2.654 as persoas con infección activa de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra O Salnés, segundo a última actualización dos datos da pandemia feita este martes 22 de febreiro, son 223 menos que onte luns. 

Nas últimas 24 horas curáronse 399 persoas e detectáronse 176 novos casos abertos.

O Sergas notifica este martes que hai un total de 77 pacientes enfermos de covid-19 que están ingresados en planta de hospitalización, son 6 menos que onte. Son 67 (cinco menos que onte) no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, un no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e 9 (dous menos) no Hospital do Salnés. 

Seguen sendo 2 os pacientes en estado crítico na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital Montecelo.

O resto dos que contraeron o virus, outras 2.575 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e baixo supervisión médica, ao ser asintomáticos ou ter pouca sintomatoloxía.

Desde o inicio do plan de continxencia pola pandemia curáronse 53.665 pacientes e faleceron por este virus na área sanitaria 255 pacientes.

En canto á realización de PCR, nas últimas 24 horas fixéronse 244 probas, que se engaden ás 398.641 xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria. A elas súmanse as 228.536 probas de antígenos e outras 123.280 probas de detección da covid-19.

GALICIA

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 24.102 deles 5.153 son da área da Coruña, 2.743 da de Lugo, 2.816 da de Ourense, 2.654 da de Pontevedra, 4.928 da área de Vigo, 4.187 da de Santiago e 1.362 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 31 están en UCI, 546 en unidades de hospitalización e 23.525 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 462.043 persoas curadas, rexistrándose 3.079 falecementos.

Os últimos falecementos rexistrados por coronavirus foron:

  • Día 17 de febreiro: Home de 99 anos, na área sanitaria da Coruña e Cee.
  • Día 18 de febreiro: Muller de 79 anos na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.
  • Día 20 de febreiro Home de 89 anos, na área sanitaria da Coruña e Cee e outro home de 68 anos, na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

 

O número de PCR realizadas é de 3.674.570. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 6.520.500.