Son o futuro e nas súas mans está todo avance cara a unha sociedade máis igualitaria na que a violencia de xénero deixe de ser un presente negro e cheo de golpes para pasar a formar parte dun pasado para esquecer. Son estudantes de centros educativos de toda a provincia e este venres evidenciaron que vale a pena traballar nas etapas escolares para loitar contra o machismo e a desigualdade.
Elas e eles participaron no concurso de relato curto e debuxo contra a violencia de xénero convocado pola Subdelegación do Goberno de Pontevedra e este venres protagonizaron unha agala celebrada na sede de Afundación.
Presentado pola xornalista de PontevedraViva Marisa Ciordia e o escritor Manel Loureiro, o acto de entrega de premios serviu para reivindicar unha maior implicación de toda a sociedade para educar na igualdade desde a etapa educativa máis temperá e para destacar a gran calidade dos traballos presentados.
Na categoría de debuxo, os premiados foron Mario Del Prado Lago, de cuarto curso de ESO do colexio Apóstolo Santiago de Vigo; Eire Taboada Prieto, de primeiro de ESO do IES Carlos Casares de Vigo; Antía Riobó Cruz, de cuarto de ESO do colexio Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra; Antía Bicada Míguez de segundo curso de Bacharelato do IES A Xunqueira I de Pontevedra; Lucía Pereira Moldes de segundo curso de Bacharelato do IES A Xunqueira I de Pontevedra; e Elena Puga Rodríguez de primeiro de Bacharelato do colexio Apóstolo Santiago de Vigo
En relato curto os premiados foron Susana Navarro Fernández de terceiro curso ESO do CPR Irmáns Quiroga do Porriño; Francisco Miranda Iglesias de cuarto da ESO do IES Valadares de Vigo; Paula Seoane Álvarez de cuarto da ESO do CPR Plurilingüe Vigo de Redondela; Lucía Ardao Cuevas de primeiro de Bacharelato do Colexio Apóstolo Santiago de Vigo; Lida Collazo Couñago de primeiro de Bacharelato do IES Pedro Floriani de Redondela; e Nee Barros Fernández de primeiro de Bacharelato do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra.
Tras a entrega dos premios, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, pechou o acto cun discurso no que quixo centrar toda a atención nos escolares participantes no concurso e os que acudiron a recoller os seus premios, entre eles, alumnado de ESO, FP e Bacharelato de toda a provincia, e ao persoal docente dos seus centros.
"Non creedes que as vosas compañeiras son iguais a vós en dereitos e obrigacións? Non creedes que teñen o dereito para decidir cando, como e con quen? Non creedes que teñen o dereito para dicir non é non?", preguntou a subdelegada aos presentes no auditorio da sede de Afundación en Pontevedra, convidándoos a realizar a correspondente reflexión e animando aos homes para tratar ás súas compañeiras "co máximo respecto e de igual a igual".
Ás mozas pediulles "afastar o mantra da submisión ao home" e que se dean conta de que o compañeiro que lle verdade as aprecia e quere "non é aquel que che vixía e contrólache" e tampouco "aquel que che critica pola túa forma de vestir" ou "ese que che controla o móbil" ou " non consente que fales coas túas amigas". "Ese amigo é un machista en potencia e está a exercer unha violencia de baixa intensidade contra ti", trasladoulles.
A subdelegada non esqueceu a conmemoración este domingo 25 de novembro do Día Internacional de Non Violencia Contra as Mulleres, nin dos nomes propios das vítimas desa violencia machista. María, Dolores, Patricia, Silvia, Josefa, Raquel, Cristina e o total de 44 mulleres que morreron asasinadas polas súas parellas ou ex parellas simplemente por ser mulleres tiveron un oco nun discurso coroado coa actuación do coro do IES A Xunqueira 1.